DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido polo profesor Gustavo Rodríguez, desenvolverá en febreiro a súa quinta edición

As aplicacións do pilates na fisioterapia centran un curso dirixido a alumnado e profesionais

Coas súas 14 prazas cubertas, será impartido polo fisioterapeuta Sebastián Aboal

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 18/01/2021

O interese de estudantes e profesionais por ampliar a súa formación respecto das aplicacións do pilates, un método de actividade física que permite traballar o aumento da flexibilidade e da forza muscular, así como a mellora do patrón respiratorio ante o esforzo, do equilibrio e da postura corporal, motiva un ano máis a organización, por parte da Facultade de Fisioterapia, dun curso sobre o uso do pilates en solo para a prescrición de exercicio terapéutico. Coas súas 14 prazas xa cubertas desde novembro, a quinta edición do curso complementario Pilates en mat para fisioterapeutas desenvolverase a partir do 6 de febreiro nas instalacións do Centro Impact Fitness de Pontevedra e será impartido polo fisioterapeuta e profesor asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo Sebastián Jesús Aboal. 

Aberto tanto a titulados e tituladas como a estudantes dos dous últimos cursos do grao en Fisioterapia, o feito de que esta formación “se manteña no tempo”, tendo en conta ademais que a titulación conta cunha materia optativa “que practicamente cursa o 80% ou 90% do alumnado ano tras ano, fala por si só do interese destes contidos”, salienta o profesor Gustavo Rodríguez, director deste curso de 60 horas. De carácter fundamentalmente práctico, será impartido por un fisioterapeuta “cunha ampla experiencia clínica e docente no método”, como salienta Rodríguez Fuentes, que lembra que Aboal imparte tamén esta formación para entidades como o Colexio Profesional de Fisioterapeutas de Galicia. Sumado aos dous cursos de nivel básico e avanzado que precederon ao actual formato, esta actividade ten formado ao longo dos anos preto dun cento profesionais, mantendo nesta nova edición os contidos que centran o seu programa, “pero sempre actualizándoos con nova evidencia científica”.

Do mesmo xeito, o curso terá tamén que adaptarse á situación xerada pola covid-19, que “non será unha limitación, pero si condicionará o traballo en grupos”, recoñece Rodríguez. Seguindo os protocolos sanitarios cos que a clínica desenvolve a súa actividade, o curso poderá levarse a cabo sen que a crise sanitaria supoña cambios nos contidos a abordar, pero si no "sistema de traballo”, de tal xeito que o grupo dividirase nesta edición “en subgrupos pechados, sempre conformados polas mesmas persoas, para realizar determinadas dinámicas de traballo, tanto teórico como práctico”. 

Dos principios do método ás adaptacións para cada patoloxía

Ao igual que nas súas anteriores edicións, o curso combina un primeiro módulo de carácter teórico, centrado nas orixes e principios do método pilates, a prescrición de exercicios e a programación e organización das sesións, con diferentes módulos prácticos. Nestes,  o alumnado abordará as bases biomecánicas e anatómicas do método e a súa aplicación práctica, así como a realización de preto dunha trintena de exercicios básicos de pilates en solo e outros tantos intermedios e avanzados. “Os exercicios márcanse por niveis atendendo ao estado físico e as limitacións dos pacientes”, explica Aboal, que sinala tamén que o curso conta con apartados específicos dirixidos a abordar a “resolución de casos clínicos”, nos que os alumnos e alumnas “aprenderán a realizar os cambios, adaptacións e progresións segundo a patoloxía e os síntomas dos pacientes”.

Do mesmo xeito, o curso abordará tamén a programación, con ese obxectivo terapéutico, tanto de clases de pilates individuais como para pequenos grupos. “A principal diferencia é a monitorización dos pacientes”, sinala Aboal, que explica que as sesións individuais permiten “un maior control durante a realización dos exercicios”, polo que as sesións grupais aconséllanse naqueles casos nos que as similitudes na condición e patoloxías das e os pacientes permitan garantir a correcta execución dos exercicios. Nese senso, o responsable de impartir este curso pon o foco na importancia que, na prescrición do pilates con fins terapéuticos, ten a realización dunha “valoración inicial” de cada paciente, que permita “personalizar” o traballo a realizar.