DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A idea é que as entidades propoñan retos que poida resolver o alumnado nos seus TFG e TFM

A Área de Emprego e Emprendemento impulsa un programa de innovación aberta coas empresas

As firmas interesadas en participar teñen de prazo para inscribirse ata o 15 de outubro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 08/10/2021

Colmea de Ideas. Este é o nome elixido pola Área de Emprego e Emprendemento para bautizar a súa última iniciativa: un programa de innovación aberta na contorna universitaria “unha vía para incentivar que o alumnado desenvolva proxectos que ofrezan solucións innovadoras e viables aos retos que propoñan as empresas e entidades que participen no programa, de maneira que se sintan protagonistas dun posible proceso real de innovación”, tal e como explica a directora da área, a profesora Maruxa Álvarez, ao que engade que se trata dunha idea que levaban anos madurando e que, finalmente, saíu adiante coa colaboración da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia, “xa que, precisamente, consideramos moi importante resaltar o papel da transferencia dos resultados de investigación”.

A Colmea de Ideas pretende ser un observatorio de retos que canalice os desafíos que as empresas e institucións que se inscriban no programa queiran lanzar ao alumnado universitario, servindo así de correa de transmisión entre a empresa e a universidade. Perséguese pois un dobre obxectivo: por unha banda, seguir apostando por un maior achegamento entre a comunidade universitaria e as empresas e institucións, “moitas das cales xa colaboran coa nosa institución na difusión de ofertas de emprego e acollendo alumnado en prácticas” e, pola outra, ofrecerlle ao alumnado de grao, mestrado e doutoramento, un repositorio de ideas sobre as que orientar os seus traballos de fin de estudos.

“Esta iniciativa persigue impulsar ideas que axuden ás diferentes entidades a innovar e ser máis competitivas no mercado de referencia”, recalca a directora da Área de Emprego, ao que engade que desde o punto de vista do alumnado os beneficios que lle podería proporcionar a participación nesta convocatoria enmárcanse nunha identificación do talento universitario e nunha posta en valor de ideas que dean resposta ás necesidades das empresas. “Si a resposta por parte do alumnado é positiva, seguro que cada ano se irán sumando máis celas á colmea e a mel que se extraia en forma de proxectos de innovación será cada ano de maior calidade”, recalca Álvarez.

Poden participar empresas, entidades, asociacións e fundacións

O programa divídese en varias fases. A fase 1 é a presentación dos retos por parte das entidades participantes e manterase aberta ata o venres 22 de outubro. Neste senso, a convocatoria está aberta tanto a empresas e novos emprendedores e emprendoras como a asociacións e fundacións. Cada entidade participante poderá presentar o número de retos que desexe, cubrindo o formulario en liña ao que poden acceder na web do programa. A previsión é publicar a listaxe de retos dispoñibles a finais deste mesmo mes -30 de outubro-.

Ata o 28 de xuño para desenvolver as solucións aos retos propostos

A fase II será a presentación das ideas de proxectos para achegar solucións aos retos por parte do estudantado. Poderán inscribirse todas aquelas alumnas e alumnos matriculados nos dous últimos anos de grao, estudantes de posgrao e o alumnado de doutoramento. Cada un poderá presentarse ao número de retos que desexe, tanto propostos pola mesma entidade como por diferentes entidades participantes. 

A fase III será a de selección das ideas gañadoras.  Para cada un dos retos propostos nomearase un equipo que seleccionará as ideas finalistas e estará formado polo menos por tres persoas, incluíndo tanto representantes da entidade participante que propón o reto como da propia Universidade. A idea é seleccionar, cando menos, un proxecto por reto e, atendendo á propia natureza do reto desenvolverase a idea de proxecto, ben en forma de TFG, TFM ou como xerme de tese de doutoramento ou proxecto emprendedor grupal. A maiores, os estudantes seleccionados terán a oportunidade de gozar doutros beneficios –segundo o publicado na convocatoria específica de cada unha das entidades participantes-, tales como realizar prácticas extracurriculares remuneradas na emprea, un premio en metálico, un programa de titorización para pór en marcha o programa proposto ou calquera outro beneficio especificado pola empresa/entidade na descrición do reto.

O prazo para a presentación das ideas de proxectos (solucións) manterase aberto do 28 de novembro ao 28 de xuño de 2022. A valoración e, de ser o caso, resolución dos proxectos finalistas do 1 ao 22 de xullo e a resolución final das ideas gañadoras o 29 de xullo.