DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En cada modalidade entregarase un premio de 700€ e dous accésits de 250€

A Área de Normalización Lingüística busca os mellores traballos de poesía, relato curto e tradución

O prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 10 de abril

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
M. Del Río DUVI 22/02/2023

Xa está aberto o prazo de presentación de traballos para os Premios de poesía, relato curto e tradución da Universidade de Vigo que convoca a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Todas e todos os membros da comunidade universitaria interesados en participar nalgunha das tres modalidades poderán entregar as súas propostas ata o 10 de abril a través do Rexistro.

O obxectivo destes galardóns, convocados ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a UVigo e Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, é distinguir as mellores poesías, relatos cursos traducións escritos en lingua galega, sempre de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia da Lingua e o Instituto da Lingua Galega.

En total, estes premios repartirán entre as e os galardoados 3600 euros, cun primeiro premio de 700€ e dous accésits de 250€ para cada unha das tres modalidade. Aínda que a convocatoria está aberta a todos os membros da comunidade universitaria en activos, na modalidade de tradución non poderá intervir o profesorado que imparta docencia no Grao en Tradución e Interpretación, no Grao en Linguas Estranxeiras, no Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios ou Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española.

Requisitos dos traballos

Os traballos que se presenten nesta convocatoria deberán ser inéditos e non ter sido premiados noutro certame no momento da decisión do xurado ou estar pendentes de concesión doutro premio. 

Ademais, cada unha das modalidades comprende unha de requisitos para os textos. No caso da poesía e do relato curto, a temática é libre e a extensión dos escritos será de entre 100 e 150 versos no caso das poesías e de entre 2500 e 6000 palabras para os relatos. Na modalidade de tradución, o texto fonte poderá ser de calquera xénero, tanto literatura como ensaio, divulgación científica, guión cinematográfico ou videoxogos, e en calquera idioma. A extensión deberá estar tamén entre as 2500 e as 6000 palabras. 

Os traballos que sexan seleccionados como gañadores polo xurado serán publicados pola Universidade de Vigo nunha primeira edición e os seus autores e autoras recibirán os premios no transcurso do acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas que terá lugar o 15 de maio.

O alumnado, protagonista dos premios de 2022

Na pasada edición destes premios, o alumnado foi o gran protagonista. Os galardóns, que se entregaron no acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas, foron parar a mans dunha alumna e un alumno da Facultade de Filoloxía e Tradución e dun estudante do Mestrado de Profesorado. En concreto, na modalidade de poesía, o xurado outorgou o primeiro premio a alumna Adriana Ribas por Bosques, un poemario que xira arredor dos eucaliptos e difícil relación desta especia coa contorna. Os accésits nesta categoría foron para os poemarios Un medo violento e o amor, de Remedios Fernández, e Paseantes, de Rebeca López Villar.

No caso do relato curto, o premio foi para o estudante de Filoloxía e Tradución Fabio Rivas, que recibía este premio por segundo ano consecutivo, desta volta con O cruceiro e as anguías, unha historia que parte dun artigo de Milagros Bará sobre a “escola de carteiristas de Lérez”. O accésit neste caso foi para Onde mataron os homes, de Carlos Manuel Estévez. 

Finalmente, na modalidade de tradución o galardoado foi Diego García Laranxeiro, alumno do Máster de Profesorado, pola súa adaptación dun texto científico escrito en alemán por Christina Beck. Nesta categoría o xurado decidiu tamén outorgar un accésit a Isaac Garrido pola tradución do inglés dun texto do poeta vietnamita Ocean Vuong.

Todas as obras premiadas están recollidas nun volume publicado pola Área de Normalización Lingüística en colaboración coa Xunta de Galicia e Edicións Xerais