DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha publicación fai balance do proxecto da UVigo e o Concello de Allariz

Armea, 10 anos de actuación sobre o patrimonio cultural como motor de desenvolvemento rural

No libro recóllese a evolución do xacemento e o seu impacto económico, cultural e social

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 20/12/2021

Ao longo deste 2021 o proxecto arqueolóxico de Armea, nado en 2011 no marco da colaboración entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT) e o Concello de Allariz, celebrou unha década de existencia. Para facer balance do traballo realizado e do seu impacto cultural, social e económico, vén de publicarse o libro Armea, 10 anos de actuación sobre o patrimonio cultural como motor de desenvolvemento rural. Nel amósase como “grazas a este proxecto conseguiuse sacar á luz e rescatar do esquecemento un dos máis importantes xacementos arqueolóxicos de Galicia e convertelo nun dos principais activos histórico-culturais da comarca de Allariz”.

O libro está coordinado por Marta Lago (conservadora do proxecto Armea) e María López (Concello de Allariz), estando editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e impreso pola Deputación de Ourense. Tendo en conta o contexto do décimo aniversario, a publicación xurdiu a raíz da elaboración dun detallado dosier do proxecto Armea para a súa presentación a uns premios estatais de protección de patrimonio. Os membros do  proxecto decidiron aproveitar ese documento como base para a elaboración da publicación presentada agora. “O libro recolle todo o feito nos últimos dez anos. É unha especie de posta ao día, desde onde partimos e ata onde chegamos, e do seu o impacto na contorna. É un libro para amosar á xente como foi a evolución o xacemento coas diferentes intervencións, como se lle foron incorporando valores, e tamén do enorme retorno que tivo e ten”, comenta Adolfo Fernández, responsable do proxecto Armea e un dos autores da publicación.

Exemplo para outros concellos

No ano 2011, explícase na publicación, asinouse o primeiro contrato de investigación entre o Concello de Allariz e a Facultade de Historia da Universidade de Vigo, que posteriormente (2015-2020) se converteu nun convenio específico en materia de xestión do patrimonio cultural e arqueoloxía para o xacemento da Cibdá de Armea. En 2020, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia uniuse ao proxecto, apoiando economicamente, mediante un convenio, as intervencións arqueolóxicas. Cando arrancou a iniciativa, lembran as e os seus responsables, a existencia do xacemento de Armea “era simplemente coñecida por uns poucos especialistas e parte da poboación local, aínda que se sentía certo desarraigo entre a veciñanza e case ninguén sabía da gran cidade romana de Armea”. Unha das causas era que ningún dos restos do xacemento se atopaba visible, xa que estaban agochados baixo unha tupida vexetación descontrolada durante as últimas décadas, desde que, nos anos 50, o enxeñeiro e intelectual local Francisco Conde-Valvís escavara na finca da Atalaia (tamén coñecida como a Igrexa) e tapara a posteriori os restos arqueolóxicos.

Ao longo da publicación, as e os lectores poden coñecer os avances acadados no xacemento grazas ás diferentes campañas anuais levadas a cabo polo GEAAT e a súa repercusión ata chegar á actualidade. Polos bos resultados acadados ao longo desta década de traballos, na actualidade, o proxecto, apúntase na publicación, é “unha ferramenta de xestión que se converteu nun modelo de éxito a seguir e que outros concellos teñen posto posteriormente en marcha para investigar e poñer en valor o seu patrimonio arqueolóxico”. “Hai dez anos Armea practicamente era só coñecido a nivel científico e polo enclave do Forno das Santas. Nestes dez anos pasados de ter cero metros cadrados a un xacemento musealizado que hoxe en día é, grazas a todo este desenvolvemento do proxecto, un dos xacementos máis coñecidos da arqueoloxía galega”, comenta Adolfo Fernández. O enclave, subliña o arqueólogo da UVigo, “converteuse nun símbolo da vila de Allariz e do seu pasado” tendo na actualidade “un valor simbólico elevadísimo”. Igualmente, na publicación afóndase no retorno económico do proxecto, apuntando como a redor do xacemento se desenvolveron empresas que explotan os contidos culturais de Armea e o impacto que supón para a vila as 10.000 visitas que ten anualmente o enclave. “O conseguido despois de dez anos é brutal”, sinala Adolfo Fernández.

O libro, indican as e os seus responsables, é “moi visual”, recollendo imaxes proporcionadas por moi diversas fontes, tanto particulares como entidades. Sobre os seus contidos, subliñan que “non é un libro de arqueoloxía, non pretende amosar os resultados científicos do proxecto, é sobre todo un repaso sobre o que se escavou e o que cambiou a concepción do xacemento desde o 2011 a 2021, como aumentou o seu valor científico e o seu valor divulgativo”. Por último, a publicación tamén reflicte as accións levadas a cabo co gallo deste décimo aniversario do proxecto.