DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta de centro votou este xoves a súa candidatura

Arno Formella é elixido director da Escola Superior de Enxeñaría Informática

Acadou 28 votos a favor e un en branco

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 09/03/2023

O profesor Arno Formella foi elixido este xoves novo director da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do campus de Ourense. A súa candidatura, a única presentada ás eleccións, acadou 28 votos e un en branco da Xunta de centro. Deste xeito, substitúe no cargo a Francisco Javier Rodríguez, que estivo á fronte desta escola desde finais de 2016 (durante dous mandatos, o máximo posible, e medio ano máis en funcións).

Procedente da Universidad de Saarland (Alemaña), onde obtivo o título de doutor no ano 1993, Arno Formella incorporouse no curso académico 1999/2000 á Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo. É profesor do Departamento de Informática, responsable do Laboratorio de Informática Aplica LIA2 e coordinador do programa de doutoramento en Sistemas de Software Intelixentes e Adaptables. Foi ademais o primeiro director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, desde a súa implantación no ano 2015 ata o ano 2020. Polo seu traballo de docencia, de investigación e de transferencia ten actualmente seis quinquenios e cinco sexenios recoñecidos, destacando no eido da enxeñaría informática a participación no desenvolvemento dos sistemas operativos de abordo dos primeiros picosatélites da UVigo e de Galicia (XatCobeo e HumSAT-D).

Continuidade

A nova dirección da escola é de continuidade coa anterior e está composta, ademais de por Arno Formella, por Eva Mª Lorenzo, Rosalía Laza e o propio Francisco Javier Rodríguez (subdirectoras e subdirector respectivamente) e por Encarnación González (secretaria). Segundo explicou o novo responsable da ESEI, “decidín presentarme porque hai medio ano xa tivemos eleccións pero entón non houbo candidato e eu creo que este centro merecíase ter un e seguir loitando pola informática en Ourense”. Neste senso, apuntou que foi “decisivo” na súa decisión de presentarse o compromiso do ata de agora equipo directivo do centro en continuar á súa fronte, amosando o seu agradecemento a todos os seus membros. “Seguimos nunha liña de continuidade porque nos entendemos moi ben”, afirmou.

Arno Formella tamén quixo pór en valor e agradecer ao equipo saínte o traballo realizado durante estes seis anos, “incluso cuns retos inesperados como a covid e o inicio dunha guerra en Europa onde todos os prezos subiron”. Este recoñecemento fíxoo extensible aos demais colectivos da ESEI, como son alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos, destacando que na actualidade esta Escola Superior de Enxeñaría Informática é “un punto de referencia” no mapa da informática en Galicia.

Retos

Respecto á nova etapa que se abre, o novo director subliñou que na ESEI “formamos moi bos enxeñeiros e enxeñeiras e iso vai a ser o reto máis importante que vamos ter, seguir facendo as cousas ben para o noso alumnado, que a fin de contas é a razón do noso ser aquí”. Nesta aposta pola atracción e a formación de calidade do alumnado, Arno Formella puxo o foco na importancia de conseguir aumentar a porcentaxe de mulleres nas titulacións do centro e lembrou que as e os enxeñeiros informáticos “nestes momentos non teñen problemas en atopar un traballo no seu ámbito, tanto preto como lonxe, porque teñen unha profesión moi demandada, que está presente en todos os ámbitos”.  

No eido das titulacións, Arno Formella lembrou que o primeiro reto para o seu centro é continuar coa implementación dos segundos cursos dos dous títulos novos que empezaron este curso 2022/23 na ESEI: o Grao en Intelixencia Artificial e o Mestrado en Intelixencia Artificial. Sobre as posibles necesidades que pode supor a súa implantación, o responsable académico indicou que a escola leva desde os seus inicios, hai xa tres décadas, no mesmo emprazamento “pero agora temos catro titulacións e hai que ver se cabemos e como cabemos, hai que facer unha análise da situación e se cabemos perfecto e senón hai que buscar solucións”.