En 2025 participaron 55 entidades de toda Galicia e 20 estudantes
Arranca a 4ª edición de Campus Rural coa busca de empresas e institucións que queiran acoller alumnado en prácticas
O prazo para inscribirse remata este xoves e, nunhas semanas, farase a chamada ao estudantado
A Universidade acaba de lanzar a 4ª edición do programa Campus Rural e faino, nesta primeira fase, facendo unha chamada a que se inscriban todo tipo de empresas, concellos, institucións, entidades sen ánimo de lucro… que desenvolvan a súa actividade en concellos de menos de 5000 habitantes e que estean interesadas en acoller alumnado universitario nas súas instalación para que realicen alí as súas prácticas, tanto curriculares como extracurricales.
En 2024 foron 55 as entidades que responderon á chamada realizada pola Universidade de Vigo e, nesta ocasión, agárdase “aumentar a oferta de destinos e a diversidade de ámbitos nos que o alumnado poida realizar as súas prácticas”, explica a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez.
O programa cobre a bolsa do alumnado, polo que non supón custo para a empresa/institución, e permite que o seu proxecto reciba apoio e dinamización.As entidades interesadas teñen de prazo para inscribirse ata este xoves ás 23.59 horas, un pouco antes dos prazos habituais, un pequeno cambio co que se busca que o alumnado poida adiantar a maio a realización das prácticas. Esta chamada ás empresas é a primeira fase do programa, unha vez inscritas, en apenas unhas semanas farase unha nova chamada, nesa ocasión ao alumnado, que poderá xa coñecer a listaxe de entidades que participan nesta edición e os postos que ofrecen.
Prácticas de entre 2 e 4 meses entre maio e novembro
A duración das prácticas será de entre 2 e 4 meses, comprendidos entre o 1 de maio e o 15 de novembro e, neste senso, dende a Área de Emprego e Emprendemento fan fincapé en que as empresas ou entidades interesadas deben incluír na solicitude unha solución habitacional para o alumno ou alumna durante o período das prácticas, ben sexa no propio municipio ou nalgún concello veciño, sempre e cando a distancia non sexa superior aos 20 Km. “Hai que ter en conta as prácticas se realizan en período estival e son nestes meses cando a demanda de residencia nestes municipios aumenta, polo que se complica a busca de residencia”, salienta Álvarez.
Concellos, empresas, comunidades de montes, escolas infantís…
Promovido polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico en colaboración co Ministerio de Universidades e a CRUE, Conferencia de Rectores das Universidades Españolas, o programa Campus Rural ten como finalidade que o alumnado universitario de calquera titulación oficial poida realizar prácticas formativas en concellos de menos de 5000 habitantes en zonas rurais con problemas de despoboamento.
No caso da Universidade de Vigo o ano pasado participaron nesta iniciativa 55 entidades de toda Galicia, sobre todo da provincia de Ourense. Rexistráronse moitos concellos - Maceda, Vilar de Barrio, A Peroxa, Parada de Sil, Arnoia, Vilariño de Conso, Baño de Molgas…-, pero tamén institucións como a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, a empresa Algas Atlánticas Algamar, numerosas comunidades de montes ou mesmo escolas infantís como a de Taboexa, no concello das Neves, por citar algúns exemplos. Así mesmo, tamén houbo algún participante de fóra de Galicia, como foi o caso da Asociación Centro de Innovación Territorial da Provincia de Teruel, o Ayuntamiento de El Recuenco, en Guadalajara, ou a Mancomunidad del Alto Tajo.
Prácticas “moi enriquecedoras”, para o alumnado e para as entidades
En base á experiencia de anos anteriores, a responsable da Área de Emprego destaca que a valoración que lles acostuma chegar do alumnado participante é sempre moi positiva. “Realizar estas prácticas na contorna rural élles moi enriquecedor e axúdaos a ampliar os seus obxectivos profesionais”, salienta Álvarez, ao que engade que as vantaxes tamén son moitas para as universidades participantes “que contan nestes mozos e mozas unha potencial fonte de talento para os seus equipos”.