DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As entidades que se inscriban ata o 20 de xaneiro terán prioridade

Arranca a busca de empresas e institucións que queiran participar na 5ª edición de Campus Rural

O alumnado participante fará prácticas de entre 2 e 5 meses entre o 1 abril e o 15 de novembro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 08/01/2026

Arranca unha nova edición, e xa van cinco, de Campus Rural, a iniciativa promovida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico en colaboración co Ministerio de Universidades e a CRUE, Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, para animar o alumnado universitario a realizar prácticas en concellos de menos de 5000 habitantes en zonas rurais con problemas de despoboamento, convivindo e colaborando coa súa xente, de maneira que poidan chegar a ver estes lugares como un espazo de oportunidades para o desenvolvemento do seu futuro profesional.

A primeira fase da convocatoria está dirixida á busca de empresas, concellos, entidades sen ánimo de lucro, asociacións, escolas infantís, comunidades de montes… que desenvolvan a súa actividade neste tipo de localidades e que estean interesadas en acoller alumnas e alumnos para que realicen alí as súas prácticas, tanto curriculares como extracurriculares.

Sen custe e aberto a asociacións, concellos, escolas infantís...

O programa cobre a bolsa do alumnado, polo que non supón custo para a empresa/institución, e permite que o seu proxecto reciba apoio e dinamización. “A maior novidade é que este ano abrimos 3 prazos de solicitude por parte das entidades colaboradoras ao fin de que poidamos ofrecer mais oportunidades de participación, tanto ás entidades como ao propio alumnado”, explica a profesora Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento. 

O primeiro prazo de presentación manterase aberto ata o vindeiro día 20; logo abrirase un segundo prazo ata o 20 de marzo, e un terceiro ata o 20 de xullo. A oferta de prazas chegadas ata o día 20 deste mes serán as que se publiquen na convocatoria de estudantes para a súa selección e terán prioridade na adxudicación, mentres que as demais se ofrecerán o alumnado que quede en lista de agarda.
Por outra banda, nesta ocasión a proposta de solución habitacional para o alumnado participante pasa a ser unha a obriga antes da práctica, xa que, tal e como explica a directora da Área de Emprego, “en anos anteriores moito alumnado beneficiado acabou por rexeitar a axuda por non atopar sitio onde aloxarse no municipio rural onde se ían desenvolver as prácticas”. Nesta liña, Álvarez salienta que, nesta ocasión, estableceuse tamén contacto coa Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia para que algúns dos estudantes beneficiados poidan aloxarse nalgún dos albergues xuvenís que xestiona esta institución.

Nunhas semanas farase a chamada o alumnado

Esta chamada ás empresas/entidades é a primeira fase do programa, unha vez inscritas, en apenas unhas semanas farase unha nova chamada, nesa ocasión ao alumnado, tanto de grao como de mestrado, que poderá xa coñecer a listaxe de entidades que participan nesta edición e os postos que ofrecen. 

As prácticas realizaranse por un período de entre 2 e 5 meses comprendido entre o 1 de abril e o 15 de novembro de 2026. O Ministerio, a través da propia Universidade de Vigo, aboará as prácticas que terán unha contía económica de 1000 euros brutos mensuais. A selección do alumnado beneficiario realizarase atendendo á súa adecuación ao perfil solicitado pola entidade colaboradora e a nota media do seu expediente.

En 2025 participaron máis de 40 entidades de toda Galicia

Na anterior edición do programa inscribíronse máis de 40 empresas e entidades, pertencentes, sobre todo, á provincia de Ourense, pero tamén de Pontevedra e A Coruña, e realizaron prácticas 11 estudantes en diferentes puntos da xeografía galega.