DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os carriños están situados na entrada dos principais edificios do campus

Arranca a campaña solidaria de recollida de alimentos, xoguetes e libros

Coa colaboración do Banco de Alimentos, Cruz Vermella e Amencer

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 23/11/2021

O campus de Ourense xa ten en marcha a campaña solidaria recollida de alimentos, xoguetes e libros. Se ben o pasado ano non foi posible realizala pola situación sanitaria provocada pola pandemia, este Nadal a comunidade universitaria volve a unirse a esta iniciativa froito da colaboración co Banco de Alimentos, Cruz Vermella e Amencer. As persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, xa teñen á súa disposición na entrada dos principais edificios do campus os carriños solidarios nos que depositar as súas doazóns.

Recoller e concienciar

No lanzamento da campaña este martes estiveron Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Cecilio Santalices, presidente do Banco de Alimentos de Ourense; Adriana Diéguez, de Cruz Vermella Ourense; Noemí Iglesias, de Amencer, e Isabel Gómez, da Oficina de Voluntariado do campus. Na súa  intervención, a vicerreitora do campus destacou que “para nós é un motivo de alegría poder retomar esta actividade que polas dificultades da situación non puidemos celebrar o ano pasado” e agradeceu a colaboración das entidades implicadas. A Universidade, indicou Esther de Blas, “ten a obriga de transmitir coñecementos pero tamén valores como a solidariedade e a axuda a quen o necesita, porque temos un compromiso social e ético”.

Pola súa banda, Noemí Iglesias recalcou que esta campaña “é fundamental non só para a recollida de alimentos e xoguetes senón tamén para concienciar” a mozas e mozos. Adriana Diéguez salientou igualmente a relevancia de “sensibilizar á poboación” con este tipo de campañas e a importancia de que todas as nenas e nenos teñan este Nadal xoguetes, apuntando como o xogo é un dos dereitos da infancia. Ademais, Cecilio Santalices agradeceu a colaboración da Universidade nesta e nas anteriores campañas de recollida de alimentos e destacou a colaboración de todas as entidades implicadas nesta iniciativa. “Estamos contentos de poder recuperar parte da normalidade e volver a celebrar esta recollida”, indicou o presidente do Banco de Alimentos de Ourense. Este ano, apuntou, o lema xeral da recollida é “non deixar a ninguén atrás” e, subliñou, “estase facendo un esforzo moi grande” neste senso, destacando a solidariedade da cidadanía e neste caso da comunidade universitaria. As e os representantes das entidades coincidiron en agradecer á Universidade a súa participación de novo na campaña de Nadal e amosaron o seu desexo de acadar este ano cando menos repetir as cifras de anteriores campañas, animando á comunidade universitaria e á cidadanía a pór o seu grao de area nesta causa.

Ata o 15 de decembro

Os carriños estarán na entrada dos edificios do campus ata o 15 de decembro. Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos e os libros e xoguetes a Cruz Vermella e á asociación xuvenil Amencer. Seguindo as indicacións de anos anteriores, as entidades que xestionarán as doazóns indican que preferentemente necesitan, no caso de alimentos non perecedoiros produtos como conservas, aceite, leite, e, dadas as datas, produtos típicos do Nadal. No caso dos xoguetes e libros indícase que poden ser novos ou xa usados pero teñen que estar en bo estado e ser non bélicos e non sexistas, facendo fincapé na necesidade de que tamén se entreguen xoguetes e libros destinados a mozas e mozos. Os puntos de recollida están habilitados nas entradas do edificio Xurídico-Empresarial, a biblioteca, o pavillón de deportes, o edificio Politécnico e o Edificio de Ferro.