DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo

Arranca en Vigo o congreso ibérico de Limnoloxía coa participación de 300 especialistas de toda a península

A cita arrancou onte domingo e prolongarase ata o venres

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HRS4R
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 24/06/2024

Máis de 300 especialistas no estudo das augas doces participan esta semana en Vigo na 22ª edición  do Congreso da Asociación Ibérica de Limnoloxía, unha cita que por primeira vez se celebra en Galicia e que trae á cidade a un destacado número de persoas interesadas no avance do coñecemento científico dos ecosistemas acuáticos continentais (ríos, lagoas, lagos…) e estudosos de todas aquelas cuestións que teñen que ver co avance desta materia, incluíndo a ecoloxía e a bioloxía dos organismos vinculados a estas augas tales como peixes, bacterias, insectos….

Organizado polo Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, o encontro inaugurouse este domingo coa participación da vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio; a presidenta do comité organizador, Josefina Garrido, e a presidenta da Asociación Ibérica de Limnoloxía, Núria Bonada.

Analizando os efectos do cambio global nos ecosistemas acuáticos

Titulado Ecosistemas acuáticos ameazados: avanzar no noso coñecemento para mitigar os efectos do cambio global, promover a xestión adaptativa e involucrar aos cidadáns, o encontro reúne a profesionais da limnoloxía de Portugal, España e outras rexións/nacionalidades para compartir e intercambiar coñecementos e experiencias. Ao mesmo tempo participan tamén representantes da industria e numerosas persoas interesadas na investigación ecolóxica acuática e na construción dun futuro medioambientalmente sostible.

De carácter bienal, o congreso prolongarase ata o venres na sede de Afundación e inclúe sesións plenarias nas que se tratarán temas transversais e de importancia para o conxunto da sociedade, desde o estudo do ADN, os microplásticos, as interaccións solo-auga... pero tamén outro tipo de xuntanzas como sesións técnicas especiais con persoas do ministerio e outros organismos, obradoiros, etc.

Cóntase, ademais, cunha importante presenza de investigadoras e investigadores noveis, tanto estudantes de doutoramento como posdoutoramento, así como de destacados investigadores e investigadoras sénior.

Entrega de premios ás mellores teses e mellor traxectoria profesional

Por outra banda o programa inclúe tamén a entrega de premios, tanto ás mellores teses de doutoramento de 2022 e 2023, como un galardón á mellor traxectoria  profesional que, por primeira vez, recaerá nunha muller científica, a doutora María Rosario Vidal Abarca, catedrática de Ecoloxía da Universidad de Murcia, especialista en ecoloxía de augas continentais. Será o vindeiro xoves pola tarde.

A xornada do venres queda reservada para unha viaxe ás illas Cíes.