DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Forman parte do programa EMPREGarte, organizado pola Área de Emprego e Emprendemento

Arrancan no campus cinco novos obradoiros de busca activa de emprego

Son gratuítos e teñen unha parte presencial, no Miralles, e outra en liña

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 14/12/2021

Cinco obradoiros gratuítos de busca activa de emprego dirixidos ao alumnado e ás persoas recén tituladas da Universidade de Vigo. Este martes arrancou na sala 1 do edificio Miralles a segunda edición do curso modular EMPREGarte, unha actividade organizada pola Área de Emprego e Empredemento co obxectivo de facilitar a busca de emprego, unha tarefa que nunca foi doada e na que a proactividade da persoa candidata resulta clave.

Coñécete a ti mesmo/a: o teu proxecto profesional, Como e onde buscar traballo, Carta de presentación e curriculum vitae, O proceso de selección: test psicotécnicos, dinámicas de grupo e entrevistas de selección e Traballar en Europa. Un dereito / Unha oportunidade son os títulos deste cinco obradoiros. Cada un deles componse de dúas horas de docencia presencial e 3,5 non presencial, polo que as persoas asistentes poderán acadar un recoñecemento en créditos ECTS.

“Neste período que nos estando tocando vivir, os efectos que está a causar a crise da pandemia do covid-19 non parece que vaian a ter precedentes a nivel mundial. Neste contexto, as empresas van necesitar máis que nunca talento humano que lles axude a superar a delicada situación actual e adaptarse ás necesidades futuras”, explican desde a Área de Emprego e Emprendemento. Conscientes da complexidade deste momento histórico, “novo e descoñecido para todos e todas, queremos seguir apostando pola empregabilidade do alumnado e, neste contexto, é no que xurde este curso”. Este martes estanse a levar a cabo os dous primeiros obradoiros – un de 09.00 a 11.00 horas e, o segundo, de 12.00 a 14.00 horas- mañá mércores levaranse a cabo outros dous, e o último, centrado nas posibilidades que ofrece Europa como lugar de traballo, será o xoves 16 de 10.00 a 14.00 horas.

Con estes talleres péchanse as actividades dos Outonos empregables

Con estes cinco obradoiros péchanse as actividades organizadas desde outubro ata decembro pola Área de Emprego e Emprendemento baixo a denominación Outonos Empregables, un paraugas que abrigou o Ciclo de webinars ‘xoves empregables’, do 14 de outubro ao 2 de decembro; a Feira virtual de emprego ‘OneJob21’, o 28 e 29 de outubro; o Obradoiro de creación dun vídeo-currículo ‘Converte a información en emoción’, que tivo lugar o 9 de novembro, e que se completou o 22 e 26 dese mesmo mes con Videtalentum 21. Presentación de candidaturas a empresas, e as Xornadas de Captación de Talento na Función Pública, que se desenvolveron todos os venres do mes de novembro.