O alumnado da aula do campus recibiu o premio da Miteu 2025
Arredor de 4000 espectadores achegáronse á XXX Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense
A programación rematou coa obra 'Ludovico 2.5', do grupo universitario Maricastaña
Este sábado pola noite pechouse a XXX Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) e fíxose realizando un balance moi positivo dunha edición na que se acadou a cifra de arredor de 4000 espectadoras e espectadores. Na gala de clausura, entregouse o premio da Miteu 2025 ao alumnado que ao longo dos anos ten pasado pola aula de teatro do campus de Ourense.
A mostra desenvolveuse do 23 de abril ao 10 de maio, dirixida por Fernando Dacosta desde Sarabela Teatro. Contou con 19 espectáculos de teatro de sala e de rúa, de música e de danza, complementada con coloquios, encontros, un obradoiro e unha exposición. Estiveron máis de 210 participantes de 13 grupos universitarios (entre eles os de todos os campus galegos) e seis profesionais, con representación de México, Portugal, Dinamarca, Guinea Ecuatorial e Gambia, ademais de España. Na programación, a Universidade de Vigo volveu a ter un papel destacado, non só como unha das entidades que financiou e apoiou a mostra (xunto á Deputación de Ourense, Xunta de Galicia, Teatro Principal, Liceo e Cervexas Esmorga) senón tamén coa participación no certame das súas catro aulas de teatro universitario e dos grupos de danza, música tradicional e coro do campus de Ourense.
Agradecendo os apoios recibidos, desde a organización da mostra destácase desta edición que “houbo unha gran calidade xeral nos espectáculos e momentos que fican na memoria e no maxín” e que “houbo moito público (cunha media superior a 200 persoas, o que fai que se superen os 4000 espectadores e espectadoras)”. Foi ademais, sinalan, unha edición especial na que se conmemoraron as tres décadas de existencia da Miteu, 30 anos nos que actuaron en Ourense grupos de 49 países dos cinco continentes, con arredor de 6000 participantes e 175.000 espectadoras e espectadores.
Clausura
Na gala de clausura no Teatro Principal celebrada este sábado, que contou coa asistencia de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, a Miteu concedeu o seu premio 2025 ao alumnado que ten pasado pola aula de teatro do campus de Ourense ao logo dos seus 34 anos de existencia, “por tantos anos de apoio e de estar aí”. Nestes anos, indican, a cifra de participantes nesta aula achégase ao milleiro, saíndo dela “profesionais da escena e do audiovisual galego” pero sobre todo “persoas coñecedoras e amantes do teatro, das artes escénicas e da cultura”. O premio, simbolicamente, entregouse a José María Gómez e Sonia Ferro, que estiveron na aula xa no seu primeiro curso, en 1991.
Para pechar a programación da XXX Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, a aula do campus de Ourense Maricastaña representou, tras a gala de clausura, Ludovico 2.5, con dramaturxia de Fernando Dacosta e inspirada libremente en A laranxa mecánica, de Anthony Burguess. O público puido ver esta peza que pretende ser “unha sátira social e unha proposta ao redor da violencia” nunha “sociedade narcotizada”.