DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde este luns permanece aberta a inscrición en seis actividades abertas a toda a cidadanía

Arte, robótica educativa, intelixencia artificial e produción musical centran os cursos de verán do campus

Desenvolveranse entre xuño e outubro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cursos
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 11/05/2026

A creación de materiais artísticos con elementos naturais, a construción de moldes para realizar pezas artísticas, a transferencia de imaxes a soportes cerámicos, o uso da robótica no ensino das ciencias, as implicacións da intelixencia artificial nas profesións creativas e a produción musical. Este é o abano de temáticas que abrangue a programación de cursos de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus para este verán. Abertas ao conxunto da cidadanía, trátase de seis propostas que permiten levar a formación máis aló do ano académico e que se desenvolverán entre xuño e outubro en diferentes centros do campus. 

De entre 30 e 40 horas de duración, desde este luns 11 de maio é posible inscribirse nestes seis cursos de verán, cuxos prezos oscilan entre os 45 e os 60 euros, cun desconto do 35% para as e os integrantes da comunidade universitaria. Recoñecidos cun crédito ECTS por cada 25 horas de traballo, suman no seu conxunto un total de 137 prazas, que cubriranse por orde de inscrición.

Tres propostas centradas na creación artística

Esta programación botará a andar o 4 de xuño na sede da Fundación RAC, onde terá lugar Tinta, pigmento e tintura sobre papel reciclado. Trátase dun curso de iniciación en “estratexias creativas sostibles”, que, desde unha mirada actual, afondará na recuperación de procedementos tradicionais de creación da cor a través de materia orgánica. Dirixido pola profesora da Facultade de Deseño Miriam Cartagena, contará coa participación da xestora cultural Carlota Rosón e do artista e docente Marcos Covelo e levará ás persoas asistentes a traballar na creación de pigmentos, tinguiduras ou papeis reciclados que poderán empregar na creación artística.

Entre o 9 de xuño e o 14 de outubro desenvolverase en Belas Artes o curso Moldes e reprodución, dirixido pola profesora Covadonga Barreiro e no que participan tamén os artistas formados nesta facultade Teresa Pece, Iris Rodríguez e Eduardo Outeiro. Centrado na produción e seriado de pezas mediante o uso de moldes, o propósito desta actividade é achegar o alumnado aos procesos básicos de elaboración de moldes con escaiola, así como ás súas posibilidades para a elaboración de pezas artísticas. 

Belas Artes será tamén a sede do curso Transferencia a soportes cerámicos, que terá lugar entre o 20 de xullo e o 20 de outubro. Centrado en ofrecer unha introdución á técnica de transferencia de imaxes sobre soportes cerámicos, este taller levará ás persoas participantes a traballar con fotografías, imaxes dixitais e debuxos de intervención directa, experimentando con diferentes técnicas e métodos de estampación. Dirixido por José Ángel Zabala, contará coa participación como docentes dos artistas Javier Ramos, Elena Carrasco e Teresa Pece.

Robótica educativa, intelixencia artificial e produción musical

Xunto a propostas que se promoven por primeira vez no campus, nesta programación insírense tamén novas edicións de cursos como Robótica educativa como ferramenta para a transformación de espazos de aprendizaxe en ciencias. Dirixido pola profesora María Lorenzo, desenvolverase entre o 9 e 25 de xuño na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e permitirá aos e ás asistentes analizar as posibilidades pedagóxicas de distintos kits tecnocienfícos e dispositivos interactivos. Impartido polas investigadoras María Castiñeira e Candela Conde, o seu obxectivo é afondar, dun xeito práctico, na integración da robótica educativa como instrumento para a transformación dos espazos de aprendizaxe nas etapas de educación infantil e primaria.

Coincidindo xa cos días previos ao inicio do novo curso académico, Deseño acollerá a partir do 31 de agosto o curso Intelixencia artificial e profesións creativas: críticas, prácticas e futuros posibles, dirixido polo profesor Xaime Fandiño. Comprender os fundamentos culturais e políticos da intelixencia artificial, analizar como esta tecnoloxía transforma o ecosistema de produción cultural e desenvolver prácticas creativas experimentais con estas ferramentas son tres dos obxectivos dunha actividade que contará coa participación como docentes da programadora e investigadora Margarita Padilla, do catedrático do Departamento de Intelixencia Artificial da UNED Jose Luis Aznárate e da xornalista e investigadora Marta Peirano.

Por outra banda, a Facultade de Comunicación albergará, entre o 2 e o 17 de setembro, a segunda edición de Gravación e produción musical, un curso dirixido polo produtor e profesor Javier Abreu. Esta proposta permitirá afondar tanto no estado actual da industria da produción musical e nas súas oportunidades, como abordar de xeito práctico os procesos de produción tanto no eido do son orgánico ou analóxico, como no electrónico ou dixital, así como afondar no traballo no estudio de gravación e na xestión de proxectos profesionais.