DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo, Mulleres Salgadas e a ONG I Exist Too organizan en Redeiras un obradoiro internacional 

Así se loita contra a discriminación por razón de xénero e pola xestión soberana dos recursos na pesca e na acuicultura

Abordarase o caso dos pobos palestino e saharaui e a marxinación da comunidade LXBT

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Internacional
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 05/02/2026

“A situación é dramática na Franxa de Gaza onde o exercito israelita destruíu a frota pesqueira e utiliza francotiradores para impedir o acceso aos recursos pesqueiros, vitais para unha poboación que depende totalmente da axuda exterior para alimentarse”, explica Laura Carballo Piñeiro, catedrática de Dereito Privado e decana da Facultade de Relacións Internacionais da UVigo, que xunto a asociación galega Mulleres Salgadas e a ONG británico-panameña I Exist Too, organiza o obradoiro Loita contra a discriminación nas cadeas de valor da pesca e da acuicultura, que se desenvolverá os vindeiros 12 e 13 de febreiro no edificio Redeiras e tamén en formato en liña.

Centrado na discriminación por razón de xénero e na xestión soberana dos recursos pesqueiros por parte da poboación dos territorios ocupados, o obradoiro, que conta coa participación de destacados expertos nacionais e internacionais, afondará na visibilización da discriminación que por razón de sexo sofren as mulleres na pesca e na acuicultura, así como na marxinación da comunidade LXBT nestes sectores e, tamén. na imposibilidade de acceder e aproveitar os seus recursos no caso dos pobos palestino e saharui.

Precisamente, en relación con este último caso, Laura Carballo lembra que “no Sáhara Occidental o Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarou a invalidez dos acordos comerciais e de pesca da UE con Marrocos que inclúen produtos dos territorios ocupados, incluído o seu mar territorial e zona económico exclusiva, xa que non contan co consentimento do pobo saharaui nin se respecta o seu dereito á libre autodeterminación”. Unha argumentación que, sinala, é semellante para Palestina e o resultado “é sempre a discriminación contra estes dous pobos a quen non se lles permite desenvolverse social e economicamente. Dende a perspectiva do dereito internacional, isto debe traducirse na rotura de relacións comerciais cos países ocupantes, Israel e Marrocos”, afirma a catedrática da UVigo.

Discriminacións difíciles de detectar e de combater

A complexidade das cadeas de valor da pesca e da acuicultura, onde as capturas poden realizarse nun lugar, a descarga noutro e o procesamento e venda nun terceiro diferente, sumado ás condicións de illamento nas que se poden producir estar accións facilita, abusos e discriminacións de todo tipo, explica Laura Carballo. “Particularmente chamativos son casos de traballo forzado e escravitude que están sendo identificados en distintas frotas pesqueiras. Mais existen outras discriminacións derivadas do carácter local da pesca e da acuicultura que afecta ao acceso aos recursos pesqueiros dos pobos indíxenas e ás comunidades pesqueiras locais, en claro desvantaxe fronte a pesca e a acuicultura industriais. Por outra banda, existen discriminacións transversais por razón de xénero e de grupo social que afectan de forma desproporcionada a mulleres e migrantes”, detalla.

Pero que ocorre cando as vítimas ou alguén coñecedor deste tipo de practicas discriminatorias quere denuncialas e que sexan condenadas? “Maiormente local pero seriamente afectada pola globalización, a loita contra a discriminación na pesca e na acuicultura depende do marco lexislativo nacional, moitas veces non axeitado para loitar contra elas precisamente por esa dimensión internacional e que esixe, entre outros, que as compañías transfronteirizas como supermercados e empresas de procesamento ou distribución exerzan procesos de dilixencia debida para evitar perpetuar abusos nas cadeas de valor da pesca e da acuicultura”, explica a catedrática da UVigo. 

Laura Carballo engade ás limitacións dos marcos lexislativos nacionais outro problema: a debilidade do marco xurídico internacional. ”Temos o Convenio de Traballo na pesca da Organización internacional do Traballo do que España é parte pero de momento, ten moi poucas ratificacións. Ademais, a discriminación tende a ser estrutural de xeito que é mais complexo loitar contra ela cando se trata dunha norma social ben asentada na comunidade onde se pretende combater”, explica.

Destacados poñentes nacionais e internacionais

Xunto á organización da UVigo, Mulleres Salgadas e I Exist Too, o Concello de Vigo, a rede de investigación financiada pola UE COST Acción Blue Rights; a ONG británica Seafarers’ Charity e asociación estadounidense SAGE participan no financiamento do obradoiro Loita contra a discriminación nas cadeas de valor da pesca e da acuicultura, así como na selección das e dos poñentes, un proceso que non foi doado “porque existe un oco importante á hora de estudar e expor este tipo de temáticas”, sinala Laura Carballo. 

Jennifer Gee, oficial encargada do programa de FAO para introducir a perspectiva de xénero nas cadeas de valor da pesca e da acuicultura; Sebastián Villasante do grupo Cretus da USC, cuxa liña de investigación persegue fundir as dimensións social e ambiental da sustentabilidade dos recursos mariños; Juan Carlos Jerí quen traballa dende Perú na discriminación da comunidade LGTBI na pesca, ou Marinha Guiñán da Asociación de Profesionais da Observación Mariña Pesqueira, un colectivo especialmente descoidado en canto o recoñecemento dos seus dereitos laborais, son algúns das e dos poñentes que destacan as os organizadores do obradoiro, que agradecen de xeito especial a presenza de Mutaz Qafisheh, profesor da Universidade de Hebrón, en Palestina, “quen vai a emprender unha odisea para poder chegar a Vigo dados os controis migratorios que ten que atravesar para saír de Xerusalén Este”, explica Carballo.

En relación coa público obxectivo deste obradoiro, desde a organización sinálase o seu eclecticismo, apuntando a “académicos que poidan interesarse por estas temáticas e expandir o que sabemos de como e por que se producen estas discriminacións, e como combatelas. Pero tamén profesionais que poidan compartir a súa experiencia e que sirvan de motor de cambio nas súas comunidades. Ao ser híbrido aspiramos a chegar a distintos continentes”.