DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O asistente virtual Saves constátase como a ferramenta máis innovadora para o cooperativismo galego

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
M. Del Río DUVI 26/10/2021

Estímase que en Galicia existen entre 1300 e 1400 cooperativas que representan arredor do 7% do PIB. Pero a información sobre cooperativismo e economía social en Galicia, na actualidade, atópase dispersa en diversas fontes estatísticas, tratada de xeito diferente en cada unha delas e sen ningún tipo de continuidade nas publicacións. Estes son algúns dos motivos que levaron aos profesores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais María José Cabaleiro e Carlos Iglesias a poñer en marcha anos atrás unha investigación que se concretou en Saves, o Asistente Virtual do Cooperativismo e a Economía Social. Tras máis dun ano con esta plataforma en funcionamento, os seus impulsores presentaron este martes todos os traballos feitos, entre eles, os catro informes que tiñan que elaborar no marco do proxecto.

No acto, que tivo lugar na Escola Universitaria de Estudos Empresariais, os investigadores estiveron acompañados polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa; a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca e o presidente do Foro para a Economía Social de Galicia, Celso Gándara. O evento incluíu tamén a conferencia Muller e igualdade na empresa cooperativa galega, a cargo de Carmen Rodríguez, presidenta de Mulleres de Seu e vicepresidenta de CLUN. Na súa intervención o reitor destacou a celebración do evento na Escola Universitaria de Estudos Empresariais, onde desenvolveu a súa carreira durante máis de 40 anos o profesor Iago Santos Castroviejo, “que foi sempre un referente para o cooperativismo galego e, do seu traballo xorden as novas xeracións que dan un empurrón máis a esta temática”. 

Unha aplicación froito de “moitísimos anos de investigación”

A aplicación dixital Saves, nada no seo de Ecobas, centro de investigación das universidades galegas, permite consultar dende calquera dispositivo electrónico información ampla de carácter económico-financeira das sociedades cooperativas galegas. Está dispoñible en inglés, galego e castelán e a súa finalidade “á xestión das cooperativas, as súas asociacións representativas, as xestorías e a Administración Pública”.

Como explicaba Cabaleiro, é froito de “moitísimos anos de investigación e, á vez e non menos importante, de moitos anos de cooperación e colaboración entre a Universidade, o movemento cooperativo e a administración”. De feito, a ferramenta nútrese da información económica, financeira e social das cooperativas galegas obtida principalmente das contas anuais depositadas no rexistro oficial de cooperativas de Galicia.

Sobre a orixe de Saves, a docente explicou que entre os motivos para poñer en marcha esta plataforma está o feito de que a información sobre cooperativismo e economía social en Galicia está “dispersa” e ademais, “para poder avanzar na investigación en material de cooperativismo é necesario dispoñer de información específica, contrastada, constante e accesible, porque a dispersión complica enormemente o seu procesamento informático”. Ademais, non existe un conxunto de indicadores adaptados á singularidade das sociedades cooperativas e ningunha das fontes estatísticas proporciona datos doados de consultar en dispositivos electrónicos móbiles. Por todo isto, destacou, “é necesaria unha visión específica na que, en orde coa súa importancia, se sitúe ao socio, como persoa, no centro, e non pola súa achega ao capital da empresa”.

Catro informes presentados

Ao abeiro do proxecto desenvolvéronse catro informes. Os dous primeiros están dispoñibles dende decembro de 2020 e abril  de 2021 respectivamente e están destinados ao público en xeral co obxectivo, como explican os autores, de “difundir a presenza do cooperativismo galego e a situación e evolución económica destas empresas de participación social”. 

O Informe 1 fai unha análise sobre a presenza do cooperativismo en Galicia, dende o punto de vista empresarial (número de cooperativas sobre o total de empresas galegas), produtivo (participación no PIB de Galicia), social (socios por número de fogares e habitantes) e feminina (socias mulleres sobre o total de cooperativistas). O segundo informe permite ás persoas usuarias “seleccionar e representar graficamente unha diversidade de indicadores de estrutura económica, financeira e de resultados”. Estes indicadores, explica, son relativizados nas clásicas ratios da análise económica-financeira convencional, “pero tamén se relativizan polo número de socios, para resaltar o aspecto máis destacado destas sociedades de participación, as persoas”.

Os informes 3 e 4, publicados un en xullo e o outro a pasada semana, están deseñados para axudar á xestión diaria das cooperativas, as súas asociacións representativas, as xestorías e a Administración Pública. “Cada cooperativa, sempre que se rexistre, poderá confrontar os seus datos económicos e financeiros cos de outras cooperativas, co obxectivo de identificar as súas fortalezas e oportunidades de mellora”, destacan. No que se refire ás xestorías, asociacións de cooperativas ou administracións, “terán a posibilidade de extraer información máis completa de aquelas cooperativas ás que representen ou dispoñan de autorización para acceder ás súas contas”. Ademais,  Saves tamén permite acceder a esta información ao persoal investigador das universidades que centren o seu traballo no coñecemento e a promoción do cooperativismo. 

Agora, unha vez presentados os catro informes, o proxecto pecha unha primeira etapa e, como explicaba o profesor Carlos Iglesias, vanse centrar en ampliar o período temporal que abarca Saves e en aumentar o número de cooperativas da base de datos. “Contamos cunha mostra suficiente para extraer estimacións consistentes pero non están todas as cooperativas”. Para isto propuxéronse o reto de acortar o tempo que transcorre dende que as cooperativas aproban as súas contas ata que están dispoñibles en Saves. 

Premio Saves a toda unha vida dedicada ao cooperativismo

Ademais, no transcurso do acto tamén se fixo entrega do Premio Saves a toda unha vida dedicada a manter acesa a luz do cooperativismo, que recaeu en Higinio Mougán, xerente de Agaca e Constantino Gago, xerente de Espazocoop, este último recollido pola súa compañeira Teresa Balado. Estes galardóns nacen, como explicaron os investigadores da UVigo, porque “o movemento cooperativo galego non pode entenderse hoxe en día sen o traballo incansable de determinadas persoas que, facendo seus os valores cooperativos, leváronos á práctica nas súas actividades profesionais, compartindo os seus coñecementos e experiencias con todos os que nos fomos achegando a eles”.