DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar este xoves 2 de febreiro, ás 18.00 horas, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra

A asociación de alumnado sénior promove unha conferencia da exministra Matilde Fernández

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 30/01/2023

Cara a sociedade dos coidados é o título da conferencia que este xoves impartirá no Museo de Pontevedra a exministra de Asuntos Sociais do Goberno de España Matilde Fernández, nunha actividade promovida pola asociación de alumnado e antigo alumnado sénior do campus de Pontevedra (Asaexs). Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid, Fernández Sanz traballou durante 15 anos como psicóloga industrial en diferentes empresas e exerceu como secretaria xeral das federacións de Industrias Químicas e Industrias Químicas e Enerxéticas da UGT, antes de converterse, en 1988, en Ministra de Asuntos Sociais, cargo que desempeñou ata 1993. Fernández Sanz foi así mesmo deputada no Congreso, senadora e deputada autonómica na asemblea de Madrid. Fóra da política, Fernández foi tamén presidenta do Comité Español de ACNUR, do que na actualidade é socia de honra.

“Contactamos con ela porque foi alumna do Programa Universitario de Maiores da Complutense e é unha persoa moi coñecedora da realidade do noso colectivo”, explica Gloria Pérez, presidenta de Asaexs, que este xoves encargarase de presentar a Fernández nunha actividade promovida coa colaboración do Museo. A conferencia terá lugar ás 18.00 horas no salón de actos do Edificio Castelao e trátase dunha "actividade aberta a toda a cidadanía, que contará con entrada libre ata completar a capacidade da sala", como explica Pérez Prieto dun coloquio inserido na programación de conferencias que promove Asaexs e que, neste 2023, abriu o pasado mes de xaneiro co relatorio sobre a medicina no Camiño de Santiago que o doutor Pedro Gil impartiu na sede da Vicerreitoría do campus.