A formación musical, nacida o curso pasado, busca novas incorporacións
Ata o 25 de setembro podes inscribirte na Orquestra da UVigo
A Orquestra da Universidade de Vigo abre un período de inscrición para aqueles membros da comunidade que queiran incorporarse o vindeiro curso á formación musical. Ata o 25 de setembro ten de prazo o estudantado, PDI, PTXAS e persoas do colectivo alumni que queira sumarse á Orquestra para cubrir un formulario que lles permitirá presentar a súa solicitude para participar nas actividades que se desenvolvan ao longo do curso 2026-2027.
Nesta convocatoria poderán incorporarse, de xeito excepcional, colaboradores externos cando así o requiran as necesidades artísticas da Orquestra, impulsada desde a Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria como “un espazo artístico participativo, integrador e enriquecedor, co fin de compartir a paixón pola música, medrar colectivamente e espallar a arte orquestral”.
Unha trintena de interpretes de corda, vento madeira e vento metal
Transcorridos nove meses desde a súa creación, a Orquestra da UVigo, baixo a dirección de Raquel Carrera, está formada por unha trintena de integrantes, a maior parte estudantes e ex estudantes e tamén algún representante do PDI, procedentes maioritariamente do campus de Vigo, aínda que tamén con presenza dos campus de Ourense e Pontevedra.
A nivel instrumental, a formación, que realiza os ensaios no edificio Redeiras os xoves de 19.00 a 21.00 horas, conta con representación das principais familias da orquestra sinfónica: corda (violíns, violas, violonchelos e contrabaixos), vento madeira, e vento metal, ás que proximamente se sumará a percusión.
