DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado o23 e 24 de xuño por Economics for Energy, co apoio de Rede e Ecobas 

O Atlantic Workshop on Energy and Enviromental Economics acada a súa 9ª edición coa participación de medio cento de especialistas internacionais

Para difundir e debater os resultados das investigacións en economía enerxética e ambiental 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 16/06/2022

Logo de ser cancelado por mor da pandemia no ano 2020, a 9ª edición do Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics (AWEEE) celebrarase os días 23 e 24 de xuño no seu habitual emprazamento da illa da Toxa, onde se dará cita unha cincuentena de expertos internacionais, fundamentalmente procedentes de países da Unión Europea e tamén de Estados Unidos. “Presentámonos cun programa e obxectivos moi similares aos previstos en 2020: coñecer e discutir a investigación económica na fronteira nestes ámbitos”, explica o catedrático do Departamento de Economía Aplicada da UVigo e membro do comité organizador do workshop, Xavier Labandeira, que destaca, respecto de anteriores edicións, unha maior presenza de investigadores novos, fundamentalmente europeos e americanos. “Cremos que isto é algo moi positivo, porque reforza o noso obxectivo: difundir e debater sobre as técnicas e resultados da investigación neste campo de tanto interese socio-económico”, sinala o catedrático vigués, que tamén pon de relevo a celebración nesta 9º edición dunha mesa redonda sobre o desenvolvemento das futuras políticas climáticas, coa participación de decisores políticos europeos e de EEUU.

Aínda que a maior parte das e dos poñentes e asistentes proceden destas dúas zonas xeográficas, nas sesións da próxima semana tamén tomarán parte expertos chegados de India e de China. “Desafortunadamente non puidemos admitir a todos os interesados xa que, nin o espazo, nin os obxectivos do workshop, o fan posible”, explica Labandeira en relación coas e cos asistentes ao simposio organizado por Economics for Energy ,coa colaboración de CEPE (ETH Zurich) e CURE (Ruhr- Universität Bochum) e o apoio de Ecobas e Rede da Universidade de Vigo.

Relatores principais de altísimo nivel e positivo balance dunha década de actividade

Ao longo dos dous días sucederanse as intervencións das e dos poñentes que participarán no workshop, que conta con “dous investigadores de altísimo nivel”, como relatores principais. “Esta é a tradición. Lembremos que o único premio Nobel no ámbito ambiental, Nordhaus, tivo este papel en 2010, e desta volta lles corresponde a Natalia Fabra e Lucas Bretschger”, detalla Labandeira, que destaca a contribución de Fabra en diversos ámbitos relacionados coa temática do simposio, aínda que as súas investigacións sobre o papel da renovables nos futuros sistemas enerxéticos tamén son moi relevantes. “Pola súa parte, Lucas é un dos máis reputados economistas ambientais europeos, con achegas relacionadas cos fundamentos e aplicacións das políticas de mitigación climática”, detalla o catedrático da UVigo, que gaba o nivel das e dos participantes deste ano, destacando a súa homoxeneidade, con  achegas moi destacadas nos distintos campos de interese para as políticas enerxéticas e climáticas.

Cunha periodicidade bianual, foi no ano 2004 cando se celebrou o primeiro workshop AWEEE. De entón e ata agora, transcorreron 20 anos nos que desde o comité organizador, Xavier Labandeira considera que “cumprimos con creces os obxectivos marcados: traer a Galicia un evento académico de nivel no que discutir os desenvolvementos nun campo relativamente pouco explorado daquela: as políticas enerxético- ambientais. Durante as últimas edicións teñen pasado por este workshop os principais académicos, novos e asentados, que operan neste ámbito. Véñenme á cabeza poucos nomes relevantes deste campo a nivel internacional, que non teñan participado nalgunha edición”, destaca o catedrático da UVigo.