DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Remata a programación de homenaxe á escritora galega

Audiovisuais para Rosalía

A iniciativa consistiu na realización de diferentes pezas de reflexión arredor da súa obra e figura

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 22/04/2021

Desde o pasado 24 de febreiro, Día de Rosalía, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense está a publicar en liña diferentes pezas audiovisuais realizadas por membros da comunidade universitaria que teñen como obxectivo homenaxear á escritora galega. Ás portas de que comece a conmemoración do Día das Letras Galegas, esta programación chega ao seu fin facendo un balance moi positivo dela por parte da súa organización.   

A elaboración do material audiovisual contou coa implicación de alumnado dos graos de Educación Infantil e Primaria; ex-alumnos e alumnas da Universidade de Vigo no estranxeiro; profesorado de lingua, literatura e cultura galegas no exterior e profesorado doutras universidades de diferentes lugares do mundo. A todos eles e elas, desde a Facultade de Educación e Traballo Social agradecen a súa implicación nesta iniciativa que pretende unha vez máis “reivindicar a voz da escritora fundacional da literatura galega contemporánea”. A programación contou ademais coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Área de Normalización Lingüística, a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, promotora da efeméride.

Tres bloques

Os materiais elaborados están a disposición do público a través das páxinas web da UVigo TV e da propia Facultade de Educación e Traballo Social. As pezas articúlanse en tres bloques. O primeiro, titulado A diáspora. De Rosalía ao século XXI. Unha constante no tempo, componse de vídeos nos que persoas emigradas en diferentes partes do mundo, en moitos casos ex-alumnas e alumnos da Universidade de Vigo, len fragmentos do manifesto publicado polo Día de Rosalía por parte da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta lectura fragmentada participan persoas desde lugares como Escocia, República Checa, Austria, Alemaña e Portugal, ademais doutras comunidades autónomas. “Son elas e eles os que lle poñen voz a este manifesto, facendo súas as reivindicacións e sentimentos presentes na obra de Rosalía, plenamente vixentes neste século XXI”, comentan desde a organización da actividade.

Un segundo bloque de vídeos leva por título Do Santiago do 53 ao Ourense do 21. Do cólera á covid: repensar/reler o mundo da pospandemia. “Co obxectivo de repensarmos o mundo que habitamos, pedimos ao alumnado que relera a realidade que virá como futuro próximo: a nosa relación coa natureza, cos iguais, coa vida, coa escola ou co rural. A crise é unha oportunidade para mellorar e é preciso pensar nese futuro dende unha perspectiva positiva, esperanzada, tal como fixo Rosalía no seu momento”, indican os responsables da iniciativa. Nos vídeos elaborados polo alumnado, e nos que a pandemia provocada pola covid-19 está moi presente, desde a facultade destacan como as e os estudantes “amosan como son capaces de innovar e utilizar as novas tecnoloxías desde perspectivas moi diversas” e como “son capaces de ver a poesía e a propia obra de Rosalía desde un punto de vista moito máis subxectivo e motivador”. Por último, no apartado Teus doces cantares. 12 meses, 12 estrofas, membros da comunidade universitaria poñen diferentes voces ao poema Miña santiña, miña santasa! de Rosalía de Castro.