Promovida pola Facultade de Comunicación, co apoio da Agadic e da Deputación de Pontevedra
Augal cumpre 15 anos achegando a Pontevedra filmes como ‘Sirat’, ‘Rondallas’ ou ‘San Simón’
Nova sesións integran unha programación que se desenvolve entre novembro e marzo
O filme elixido para representar a España nos premios Óscar, Sirat, de Oliver Laxe, a nova película de Daniel Sánchez Arévalo, Rondallas, ou a recentemente estreada San Simón, de Miguel Ángel Delgado, son tres das longametraxes que integran a programación da décimo quinta Máster Class Audiovisual Galego, Augal. Promovida pola Facultade de Comunicación, co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e da Deputación de Pontevedra, Augal 2025/2026 reúne na súa programación longametraxes de ficción, documentais, curtametraxes e clases maxistrais, co obxectivo achegar o alumnado á realidade profesional do audiovisual galego. Con ese propósito, contará coa participación de cineastas como Ángeles Huerta e Anxos Fazáns ou os propios Delgado e Sánchez Arévalo.
Con nove sesións, abertas á cidadanía, entre este mes de novembro e marzo de 2026, esta Máster Class Audiovisual Galego inicia a súa programación este mércores 5, cunha xornada dedicada ás curtametraxes do alumnado da facultade. Previamente, o seu programa foi presentado este martes na Vicerreitoría, nun acto que contou coas intervencións da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres; o deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, e o coordinador de Augal, Paulino Pérez.
O escaparte dun sector en auxe
Como lembrou Sutil, Augal "é un curso no que queremos mesturar os estudantes cos profesionais que están facendo que o sector audiovisual galego viva o mellor momento da súa historia”, a través dun programa formativo de 31 horas con inscrición gratuíta. Ao mesmo tempo, esta máster class é tamén unha oportunidade para achegar á cidadanía unha serie de producións estreadas neste 2025 ou que se estrearán nas próximas semanas, a través dun programa de proxeccións con entrada libre ata completar as 120 prazas da Aula de Cine da facultade. Nese senso, Pérez destacou que se trata da “primeira edición que facemos Augal coa Aula de Cine xa completamente preparada a nivel de son e de imaxe”. As proxeccións veranse complementadas “cun coloquio técnico con directores ou produtores”, que permitirá afondar nas diferentes fases do "complexo" proceso de realización dun filme. De aí que o coordinador de Augal incidise na importancia desta iniciativa tanto para a formación do alumnado como para facer do cine un “elemento diferencial” da facultade.
Nesa mesma liña, tanto Lantarón como Torres enxalzaron os 15 anos de traxectoria de Augal e o traballo desenvolvido tanto por Pérez como polo profesor Miguel Anxo Fernández. “Esta é unha iniciativa que conecta o noso alumnado coa industria audiovisual galega”, subliñou a vicerreitora, quen lembrou que Augal non só permite “fortalecer a formación” do estudantado, senón que este sexa un “nexo de unión” á hora de “conectar a Universidade do sector”. Lantarón quixo tamén pór en valor o proxecto de especialización Campus Crea, destacando que Pontevedra “ten que ser o seguinte” campus galego en acadar a acreditación da súa especialización por parte da Xunta de Galicia e que esta debera ter en conta “as súas especifidades”, incidindo no papel que xoga a cultura neste proxecto.
A decana da Facultade de Comunicación lembrou que se trata dunha “iniciativa consolidada” dentro da “actividade cultural de Pontevedra", que promove “a esa necesaria conexión entre Universidade e cidade” e que xoga un papel “fundamental” na promoción do audiovisual galego. A este, engadiu, contribuíe tamén o “talento” que se forma na facultade e que "se ve reflectido no programa” desta edición. Esta programación sumaba así mesmo por primeira vez o apoio da Deputación, unha institución que continuará apoiando Augal, adinatou Cubela, quen destacou tamén a importancia do audiovisual como “unha das industrias culturais máis potentes de Galicia".
Nove sesións por diante
A programación arranca este mércores cunha sesión dedicada ás curtametraxes do alumnado, na que os dez traballos seleccionados optan ao premio A Canteira da Fcom-Augal. Á semana seguinte, o mércores 12, terá lugar unha xornada formativa sobre dirección de fotografía a cargo de Alicia Francés, “un talento emerxente” neste eido, destacou Pérez. Xa o martes 18, Ángeles Huerta presentará na facultade Antes de nós, unha película centrada na figura de Castelao, mentres que o 26 de novembro, Alejandro Gándara e Ariadna Silva farán o mesmo co documental 360 curvas, centrado nas protestas vividas na década de 1990 na Fonsagrada para esixir o mantemento de servizos na comarca. Nese senso, Pérez definiu este ciclo como “unha oportunidade para ver cinema galego”, como amosa tamén a presenza o 3 de decembro de Miguel Ángel Delgado coa súa longametraxe San Simón, “que acaba de estrearse en cines con gran éxito”, salientou Sutil.
Xa en 2026, Augal retomará a súa programación o 25 de febreiro, cunha sesión dedicada ás curtametraxes, na que poderán verse Algo novo que contar, de Paula Pereira; Delincuente, de Alba Domínguez, Un novo día, de Gon Caride, e Curmán, de Alejandro Jato. Xa o 4 de marzo, dúas profesionais formadas neste centro, a directora Anxos Fazáns e a produtora Silvia Fuentes protagonizarán a sesión dedicada a As liñas descontinuas, segunda longametraxe desta cineasta, que estreará neste mes de novembro no Festival Internacional de Cine de Xixón. Outra longametraxe aínda pendente de estrea, Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo, protagonizará a sesión do 18 de marzo, na que este director presentará unha historia ambientada nunha vila mariñeira galega que chegará aos cines o 1 de xaneiro.
Finalmente, a sesión de clausura desta décimo quinta edición permitirá ver Sirat, a nova longametraxe do tamén exalumno da facultade Óliver Laxe; unha película que tras ser premiada no Festival de Cannes foi elixida pola Academia de Cine para representar a España nos Óscar.
