DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa proxección de dúas longametraxes, dez curtas e sesións dedicadas a televisión e animación

Augal reúne no seu programa o presente e futuro do audiovisual galego 

Entregarase un premio á mellor curta do alumnado de CCSS e da Comunicación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 09/11/2021

As longametraxes Cuñados e Malencolía, as curtametraxes que integran o catálogo Shorts from Galicia 2021 e unha escolma de traballos realizados polo alumnado de Comunicación Audiovisual, xunto con dúas sesións dedicadas á televisión e á animación. Estes son os contidos que se reúnen na décimo primeira edición da Máster Class Audiovisual Galego Augal, que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación promove xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Xunta de Galicia, e que combina a proxección de traballos audiovisuais co coloquio cos e coas profesionais que os levaron a cabo. Con inscrición gratuíta para o alumnado, que será recoñecido cun diploma, e abertas ao público, as seis sesións de Augal terán lugar nesta facultade entre o 15 de novembro e o 15 de decembro.

“Trátase dun programa moi completo, que achega ao alumnado e ao público xeral a oportunidade de gozar do cine galego, desde o máis profesional ata o que están facendo os nosos estudantes”, salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador de Augal xunto co tamén docente da facultade Miguel Anxo Fernández. De feito, como explicou na súa presentación, unha das novidades desta edición será a entrega dun premio á mellor das curtas do alumnado de Comunicación Audiovisual, que se presentarán nunha sesión titulada A Canteira da FCSC. “Agual ten por obxecto achegar tanto ao alumando como a cidadanía os procesos de traballo no sector audiovisual galego”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, nunha rolda de prensa na que o director da Agadic, Jacobo Sutil, destacou a importancia que ten, como “complemento á formación” do alumnado, este “contacto man a man cos profesionais dun sector audiovisual plenamente internacionalizado, competitivo e con moito futuro”.

Máis de 100 profesionais e preto de 1500 estudantes

Sutil fixo balance do percorrido desta iniciativa, que nas súas dez edicións anteriores permitiu a presentación de preto de 70 proxectos de diferentes formatos por parte dun centenar de profesionais, coa participación de preto de 1500 estudantes. O director da Agadic salientou tamén o positivo de que Augal poida desenvolver de novo unha “edición que podemos considerar normal, con esta variedade de proxectos”, despois de que a anterior, que se levou a cabo tamén neste 2021, fose un monográfico dedicado á serie Hierro

A decana de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, puxo o acento no “compromiso co audiovisual galego” que implica, a través do “traballo en equipo”, esta Máster Class Audiovisual Galego, que contribúe a facer da facultade “unha bandeira” dun sector "estratéxico”. Neste aspecto, Torres incidiu no “orgullo” que para o centro supón "a cada vez maior presenza dos nosos egresados e do propio estudantado no panorama audiovisual galego, nacional e internacional”. De feito, sinalou, máis aló da sesión dedicada á “canteira”, os titulados e tituladas “están presentes dalgunha ou outra forma en case todos os proxectos que se presentan en Augal”. 

Dúas longametraxes abren o programa

Augal 2021-2022 arranca o vindeiro luns cunha sesión titulada Como facer unha longametraxe en dúas semanas?, que terá como protagonista a Alfonso Zarauza, quen presentará a súa sexta longametraxe, Malencolía. Dous días despois, este ciclo acollerá a proxección de Cuñados, “unha comedia que xa tivo o seu percorrido polas pantallas de cine”, nunha sesión que se completará cun coloquio coa súa guionista, Araceli Gonda.

Na terceira sesión, o luns 22, proxectaranse as curtametraxes que integran Shorts from Galicia 2021, unha escolma realizada pola Agadic “para representar o cinema galego en festivais internacionais”, como apuntou Pérez, que puxo en valor en que un dos traballos seleccionados fose A Loba, da titulada en Comunicación Audiovisual Iria Silvosa. Xunto a esta curta, proxectaranse Augas Abisais, de Xacio Baño; Homeless Home, de Alberto Vázquez; Os Corpos, de Eloy Domínguez, e La Penumbra, de Dani Viqueira.  

A sesión dl29 de novembro estará dedicada a analizar dous programas da TVG, o Zigzag, da man da presentadora e coordinadora de programas culturais da CRTVG, María Solar; e Desmontando Galicia, “un programa bastante innovador que mestura imaxe real, con infografía e historia”, da man do seu produtor e director, Marcos Barrios.

Un premio para a canteira

O 13 de decembro terá lugar a sesión dedicada a cinco curtas realizadas o curso pasado por alumnado de Comunicación Audiovisual; O que queda de nós, dirixida por Miguel Abad; Termis, de Iván Dasilva; Voces Ocultas, de Andrea Varela, Bombas de palenque, de Martín Arufe, e Versos postmortem, de Nico Nargual. Estes cinco traballos, apuntou Pérez, competirán “por ser escollidas como a mellor curta do ano”, a través dun premio que terá como xurado a tres membros da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización Crea.

Dous días despois, o mércores 15, a décimo primeira edición de Augal celebrará a súa sesión de clausura e entrega de diplomas, que se abrirá cunha conferencia centrada no filme de animación Valentina, a cargo da súa directora, a responsable de Abano Producións, Chelo Loureiro.