DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A clausura da Miteu tivo lugar este xoves pola noite no Teatro Principal

A aula do campus Maricastaña pechou a 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

O premio desta edición foi para o Cine Clube Padre Feijóo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 10/05/2024

A 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) baixou este xoves pola noite o pano e fíxoo coa entrega do premio desta edición ao Cine Clube Padre Feijóo e coa actuación da aula teatral do campus de Ourense Maricastaña, que presentou a súa última peza, titulada Desequilibrios. Foi, indican desde a organización, “unha edición existosa en canto a espectáculos e público”.

A Miteu estivo apoiada nesta edición pola Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense, o Teatro Principal, a Xunta de Galicia e Cervexas Esmorga. A súa clausura no Teatro Principal de Ourense, á que asistiu Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, pechou unha programación que, dirixida por Sarabela Teatro, arrancou o pasado 12 de abril. Ao longo das semanas, en diferentes espazos da cidade pero principalmente no Teatro Principal e no Liceo, houbo 23 espectáculos, ademais de animación e promoción de rúa e un curso sobre a expresión do clown.

Unha programación diversa

Nesta edición 2024 participaron grupos de Mozambique, Colombia, Portugal e España (Navarra, Castela e León, Madrid, Estremadura, Euskadi e Galicia), 14 deles de teatro universitario e nove de teatro profesional-grupos convidados, entre eles Alberto San Juan, Quico Cadaval e Aldaolado. A música tamén tivo un protagonismo destacado, con concertos de Budiño; Factoría de Subsistencia, The Tetas Van e O Sonoro Maxín. Igualmente houbo espectáculos de danza das aulas dos campus galegos (entre elas a de Ourense) e dunha compañía de Mozambique e unha gala de Pallasos en Rebeldía cuxa recadación foi destinada a Gaza Stars Circus School.

Dirixida por Fernando Dacosta, na 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense estiveron representadas todas as aulas universitarias teatrais galegas (A Coruña, Santiago, Lugo, Vigo, Pontevedra e Ourense). Entre elas, as da Universidade de Vigo tiveron un protagonismo destacado. Así, do campus de Ourense a aula Rosaura foi a encargada de abrir a programación da Miteu 2024 coa peza de rúa Operación rescate; Cordelia representou Retrato dun tremor e Maricastaña pechou a cita con Desequilibrios. A Aula de Teatro de Vigo trouxo Soño dunha noite de verán e a de Pontevedra Estupidez artificial. Por último, a aula de danza ourensá representou o seu espectáculo O xardín das danzas.