DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 36 matriculados e matriculadas, céntrase na aprendizaxe individual do alumnado

A Aula de Música Tradicional prosegue o seu camiño de forma virtual

Con exercicios e titorías dirixidos a mellorar o dominio de diferentes instrumentos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Música
  • Saúde
  • TIC
  • Cultura
DUVI Pontevedra 04/02/2021

Desde 2017, o campus conta cunha Aula Permanente de Música Tradicional na que iniciarse ou mellorar o dominio de diferentes instrumentos populares galegos. A evolución da situación sanitaria xerada pola covid-19 motivou que no presente curso esta iniciativa promovida pola Vicerreitoría do campus mudase o formato presencial por un conxunto de actividades que se desenvolven de xeito virtual, centradas no traballo individual das e os participantes cos seus respectivos instrumentos. “Faise un pouco máis duro, porque estás ti só e todos os erros saen a relucir, pero a verdade é que os alumnos están avanzando con este método”, recoñece o músico e docente Suso Vaamonde, responsable dunha aula que no primeiro cuadrimestre cubriu ás súas 36 prazas de matrícula, na súa meirande parte, por persoas que xa tomaron parte nas anteriores edicións da actividade.

A covid-19 motivou, de feito, que o pasado cuadrimestre e ante a evolución da pandemia, desde a Vicerreitoría se optara, por prudencia e atendendo á normativa, por trasladar esta actividade a un formato virtual. Desde entón, Vaamonde envía cada semana aos alumnos e alumnas unha serie de materiais de traballo, como gravacións de son e vídeos nos que amosa como deben interpretar unha determinada peza ou fragmento, xunto coa súa partitura. “Con todas esas ferramentas, o que lles pido é que, unha vez teñan estudado o tema, se graven tocándoo co seu móbil”, explica o docente, que, a partires deses vídeos, remítelles á súa vez as “primeiras correccións”. Por último, as tardes dos luns, nas que inicialmente estaban previstas as clases da aula, dedícanse “ao que nunha linguaxe académica serían as titorías”, nas que a través de videoconferencias, Vaamonde pode “corrixir de xeito individual certas cuestións ou aclarar dúbidas do traballo previo que me enviaron”.

Nese senso, recoñece que este sistema “require un pouco máis de traballo, pero permíteche manter a actividade” e que o alumnado poida avanzar no manexo do instrumento escollido. Na maioría dos casos, sinala, as e os participantes decantáronse pola gaita, a pandeira e a zanfona, aínda tamén hai quen optou polo tambor, o bombo, o pandeiro ou a ocarina. “Nalgúns casos, mesmo están avanzando máis rápido que nas clases presenciais”, recoñece Vaamonde, que nos últimos anos combinou o seu labor docente coa súa traxectoria como músico en formacións como Vaamonde, Lamas & Romero, Luva Verde, Leilia Doura ou Cantata Vernácula. “O rumbo póñoo eu, pero a velocidade póñena elas, cada un vai aprendendo ao ritmo que pode, dependendo do tempo do que dispoña”, engade o responsable desta actividade. 

Traballo individual cun obxectivo grupal

“Estamos sementando para cando poidamos volver xuntarnos”, salienta Vaamonde, que lembra que un dos propósitos cos que a Aula Permanente iniciou este curso era acadar a creación dun grupo de música tradicional estable no campus. “Este ano marcámonos un obxectivo, que quedou plasmado na propia convocatoria”, salienta o docente e músico, que incide en que esta aula reúne un “grupo moi heteroxéneo”, do que forma parte tanto profesorado, persoal e alumnado do campus como persoas alleas á institución académica, que, na meirande parte dos casos, repiten presenza ano tras ano. 

Ese obxectivo, “arrefriado pola situación, pero que segue enriba da mesa” serve de feito como elemento de motivación para o alumnado nestes meses de traballo en solitario. “A inmensa maioría están agardando como auga de maio poder poñer en práctica todo o que aprenderon”, recoñece. De feito, as pezas que cada semana centran os exercicios a realizar teñen como base un programa dirixido “a ter xa un repertorio definido”. Nese senso, Vaamonde sinala que “tan pronto como poidamos volver ao modo presencial, imos empezar a preparar eses temas e as sesións van ser máis ensaios que clases”.