Actuou na Ferraría xunto ao coro sénior do campus de Vigo e a aula de danza da USC
A Aula de Música Tradicional segue percorrendo a cidade
O vindeiro luns pecha na alameda o seu ciclo de actuacións
Co obxectivo de dar visibilidade na cidade a unha actividade formativa aberta ao conxunto da cidadanía e que permite iniciarse ou perfeccionar o manexo de diferentes instrumentos populares, a Aula Permanente de Música Tradicional Galega do Campus de Pontevedra decidiu pechar o quinto curso da súa traxectoria cunha serie de actuacións en diferentes prazas da cidade, como a que na tarde deste luns levou a cabo na Ferraría. Ao longo deste mes de xuño, as e os integrantes dos grupos de gaitas e percusión da aula que coordina o músico Suso Vaamonde ofrecen unha serie de actuacións nas que presentan un mesmo repertorio baseado en pezas populares ou procedentes do folclore tradicional, mais que cada semana interpretan xunto a diferentes agrupacións convidadas.
Despois de presentar na praza da Verdura, o 6 de xuño, un repertorio no que hai lugar tanto para muíñeiras e foliadas como para adaptacións de tangos ou merengues, á semana seguinte actuaron na praza do Teucro xunto co coro sénior do campus de Vigo. Xa este luns 20, a praza da Ferraría foi o escenario do terceiro dos concertos, no que a formación estivo de novo acompañada polo coro vigués e tamén pola aula de danza da USC, coa que previamente actuaran a pasada semana en Compostela. O ciclo de concertos desta aula, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica e Universidades, péchase o vindeiro luns 27, ás 20.30 horas, na alameda, nunha actuación na que estarán acompañados pola Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde, a Escola de Música de Salceda de Caselas, a agrupación Téquexetéldere, a Escola de Música e Baile Tradicional Concello de Outes, a asociación A Fuliada e a asociación Hai que roelo.