DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo a coordinación de Salvador del Río traballan na montaxe que estrearán nas xornadas Miteu

A Aula de Teatro do campus une persoas de diferentes idades na preparación dunha obra

Mantiveron un encontro co vicerreitor Jorge Soto e a concelleira Yoya Blanco

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 11/02/2022

Co obxectivo de recuperar o teatro universitario en Pontevedra e dentro das actividades promovidas pola Vicerreitoría do campus e a Concellaría de Promoción Económica e Universidades ao abeiro dun convenio de colaboración, o pasado mes de novembro iniciaba a súa actividade a Aula de Teatro do campus. Aberta á participación de toda a cidadanía, esta iniciativa reúne desde entón un “grupo moi heteroxéneo” de persoas de diferentes idades, como recoñece o actor e director teatral Salvador del Río, responsable dunha aula na que os 20 inscritos e inscritas se inician no mundo do teatro á vez que preparan a montaxe teatral que esta primavera levarán á escena nas xornadas Miteu que se proxectan levar a cabo na cidade. 

As e os participantes nesta actividade, que se desenvolve todas as semanas na Facultade de Belas Artes, mantiveron na tarde deste xoves un encontro co vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco, acompañados tamén polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo. “Recuperar o teatro no campus era unha teima para nós e fixémolo por todo o alto”, salientou Soto dunha actividade que ten á fronte ao responsable de Teatro de Ningures, Salvador del Río, e que, lembra, cubriu en poucos días as súas 20 prazas. O vicerreitor lembrou que no ano 1986 “comezou na antiga escola de maxisterio a aula de teatro de Pontevedra”, que se converteu “en parte da historia do teatro universitario de Galicia”. De aí que puxese o acento na importancia de que as artes escénicas formasen parte das actividades conxuntas, “coas que seguir proxectándonos na cidade”, que a Vicerreitoría e a Concellaría puxeron en marcha no primeiro cuadrimestre no marco dun convenio ao que proxectan dar continuidade neste 2022. Nesa mesma liña, Blanco salientou nesta visita a “estreita relación de traballo, que vai continuar neste 2022, entre a Universidade e o Concello de Pontevedra”, despois de que 2021 “fose un ano moi frutífero grazas a ese novo convenio que asinamos”, que fixo posible a organización de preto de 50 actividades, “e que se repetirá en 2022”.

Un “grupo heteroxéneo” que se inicia no mundo do teatro

Como explica Del Río, entre os inscritos e inscritas nesta aula figuran tanto estudantes de varias titulacións, como persoas alleas á comunidade universitaria de diferentes idades, dando lugar a un “grupo heteroxéneo” que maioritariamente buscaba “ter un primeiro contacto co teatro”, recoñece Del Río. Dirixida a afondar nas diferentes fases “do proceso de posta en escena dunha montaxe teatral”, partindo “desde cero”, esta actividade formativa combina a realización de exercicios preparatorios, coa lectura e comprensión dun texto teatral, a encarnación de personaxes e o propio proceso de montaxe. “Todos os puntos vanse tocar ao longo de todo o curso”, salienta o responsable desta aula, que nas primeiras sesións puxo o foco nunha serie de exercicios preparatorios para fomentar a capacidade de concentración, memoria, expresión ou sentido do ritmo e que contribuíron “a “facer grupo e tomar consciencia do corpo e do espazo”. Estas actividades, dirixidas a “espertar, o corpo, a voz e a emoción”, como sinala Del Río, que lembra que “no teatro o primeiro que tes que facer é tomar consciencia do que fas”, vanse combinando coa con “lectura de escenas e análise de textos e personaxes” e outra serie de exercicios dirixidos a “moverse con soltura no escenario”, nese obxectivo final de dar forma a unha obra. Así mesmo, de xeito paralelo á preparación desta montaxe, a aula contará tamén coa participación de diferentes colaboradores de Teatro de Ningures, que permitirán aos e ás asistentes observar de primeira man o proceso de traballo de diferentes oficios vinculados a unha montaxe, “como a escenografía, o vestiario ou a iluminación”. 

O resultado final presentarase na Miteu

Centrada en afondar nas diferentes fases de preparación dun texto teatral, esta actividade terá como resultado final a montaxe que as e os participantes representarán na Miteu, que está previsto que se celebre en primavera. Así mesmo, tamén está previsto que a aula poida presentar o seu traballo nas mostras internacionais de teatro universitario dos campus de Vigo e Ourense. “Representar é unha parte do proceso, o teatro non ten sentido se non ten o interlocutor”, sostén Del Río, que incide en que, nese obxectivo “de recuperar o teatro universitario como un servizo para toda a cidadanía” dunha aula que naceu con vontade de permanecia, buscarase tamén que a obra poida presentarse noutras mostras de teatro universitario fóra da UVigo.