DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra abriuse na noite deste luns coa súa obra ‘Incendios’

A aula de teatro do campus de Vigo levanta o pano da XIV Miteu 

A programación continúa esta semana cos grupos de Ourense e Pontevedra

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Pontevedra 30/05/2023

Dar visibilidade ao traballo que se desenvolve nas aulas teatrais dos diferentes campus da Universidade é un dos propósitos da Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario, que na noite deste luns levantaba o pano da súa XIV edición en Pontevedra. Inaugurada pola vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, a mostra botaba a andar con Incendios, unha montaxe da aula do campus de Vigo, que unha ducia de actores e actrices, na súa maioría estudantado universitario, levaron ao escenario do Teatro Principal. Dirixida por Casilda Alfaro e Sonia Rúa, trátase dunha obra escrita polo escritor canadiano Wajdi Mouawad que, como recolle o seu texto de presentación, fala de “tres incendios vitais, o de Nawal, “que ponnos diante dunha vida agochada de procuras erradas e de activismo", o da súa filla Jeanne, “capaz de descadrar a vida cómoda nun polígono vital e familiar de suposta seguridade", e o de Simón, “que nos enfronta cunha vida que tamén arrastra inseguridades”.

Recuperada o pasado ano, tras máis dunha década de parón, a programación desta XIV Miteu continúa este mércores con O mundo como vontade, do grupo Cordelia do campus de Ourense, para acoller o xoves a nova obra da aula do campus pontevedrés, que baixo a dirección do responsable de Teatro de Ningures, Salvador del Río, levará ao escenario Intermitencias, unha montaxe que intercala escenas de diferentes obras coas propias achegas das e dos participantes. Promovida pola Vicerreitoría do campus coa colaboración do Concello de Pontevedra, a programación da mostra complétase a vindeira semana con dous novos espectáculos. Programados todos eles para as 21.00 horas e con entrada libre ata completar a capacidade da sala, o xoves 8 poderá verse As cidades agochadas, do grupo Maricastaña da aula do campus ourensán, mentres que o venres 9 o alumnado da Universidade de Minho presentará na cidade o seu espectáculo Roleta Mortis