DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con discapacidade intelectual, do desenvolvemento e/ou do espectro autista

Da aula á vida autónoma: 16 mozas e mozos comezan na UVigo un curso para mellorar as súas oportunidades laborais

Coordinado pola Universidade, o Programa Emau conta coa colaboración da ONCE e a Xunta

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Cursos
  • Estudantado
  • Académica
D. Besadío DUVI 30/09/2026

Dezaseis mozas e mozos, sete mulleres e nove homes de entre 18 e 26 anos, comezan esta semana o novo curso do programa Emau, Emprego e Vida Autónoma, da Universidade de Vigo. Chegan aos campus de Vigo e Ourense “cheos de ilusión, con moitas expectativas e tamén un pouco nerviosos” ante o reto de mellorar as súas competencias persoais, sociais e laborais e avanzar cara á súa inclusión e acceso ao mercado de traballo.

Coordinado pola Universidade de Vigo e desenvolvido no marco do programa Unidiversidade da Fundación ONCE, financiado polo Fondo Social Europeo, e coa colaboración da Xunta de Galicia, o Emau ofrece formación universitaria a mozas e mozos con discapacidade intelectual, do desenvolvemento e/ou do espectro autista, combinando o traballo nas aulas coa adquisición de competencias para a vida autónoma e a preparación para o acceso ao mercado laboral.

Esta é a cuarta edición e o sexto ano no que a UVigo conta co apoio da Fundación ONCE para desenvolver o programa. As dúas primeiras edicións tiñan unha duración de dous anos, mentres que na actualidade o Emau se desenvolve ao longo dun curso académico. Ao longo destes anos, arredor de 60 estudantes, uns 15 por promoción, pasaron xa polas súas aulas, tal e como explican as coordinadoras do programa, a profesora Maruxa Álvarez e a técnica da Área de Emprego Reyes Fernández.

Un programa cunha demanda crecente

O inicio do novo curso oficializouse este xoves nun acto celebrado na sala de videoconferencias da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, no que participaron o alumnado e as súas familias, o equipo docente e representantes das institucións e entidades colaboradoras.

No encontro interviñeron a directora da Área de Titulacións Oficiais da UVigo, Mª José Moure; a vicedecana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Belén Fernández Docampo; a directora rexional de Inserta Emprego da Fundación ONCE, Beatriz Gallego; e o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Pontevedra, José Antonio Rodríguez Fachado.

“Arrancamos esta iniciativa no curso 2021/2022, grazas á Fundación ONCE, como un proxecto totalmente distinto ao que habitualmente facemos na Universidade e, co apoio de moitas persoas que se implicaron desde o primeiro intre, foi medrando ata estenderse tamén ao campus de Ourense”, recalcou Moure, quen fixo fincapé na importancia de “do traballo en equipo” e de “ser valentes”.  Precisamente con respecto ao traballo en equipo, agradeceu  a implicación non só da ONCE e da Xunta. “Aproveitade ao máximo esta oportunidade. Non deixedes de participar en todo canto poidades, tanto nas clases, como nas actividades culturais, deportivas ou mesmo na cafetaría”, insistiulles a responsable da Área de Titulacións, ao tempo que destacou a “enorme satisfacción” que supón para o persoal universitario participar no Emau.

A nova edición, na que se conta co apoio de entidades como a Asociación Down Ourense, Lingoretta, Fademga, Acesca ou a Fundación Sálvora, chega nun contexto de crecente interese pola iniciativa. Segundo se explicou na presentación, este curso foron preto de 30 persoas as que se interesaron por participar no programa. Así mesmo, tamén aumentou o número de docentes da Universidade de Vigo que queren implicarse no proxecto, ata alcanzar os 25 profesores e profesoras.

Competencias dixitais para comezar o curso

No campus de Vigo, as clases arrancaron cunha formación intensiva en competencias dixitais, integrada no proxecto Brecha Digital, financiado pola Fundación Randstad e o grupo Stellantis. O obxectivo é reforzar unhas habilidades cada vez máis necesarias nos ámbitos persoal, académico e laboral.

O curso incorpora tamén unha maior participación do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) da UVigo, que presta apoio ao alumnado e participa en diferentes actividades formativas.

Así, nos primeiros días de curso, os estudantes visitaron o Servizo de Deportes e comezaron a contar co acompañamento de persoal TIC para aprender a realizar trámites básicos da súa vida universitaria, como crear a conta de correo institucional ou activar a tarxeta universitaria.

Mañá xoves celebrarase a apertura no campus de Ourense

O Emau combina a formación presencial coa realización de prácticas en empresa. A proposta busca que o alumnado adquira ferramentas para desenvolverse con maior autonomía na súa vida cotiá e, ao mesmo tempo, mellore as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral.

Mañá xoves terá lugar o acto de apertura no campus de Ourense. Será ás 12.00 horas na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.