DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa apertura das inscricións, tanto para a comunidade universitaria como para o público xeral

As aulas de música e baile tradicional prepáranse para un novo curso

Ambas actividades contan con 40 prazas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 07/09/2026

Co inicio dun novo curso académico, arrinca tamén a actividade cultural promovida pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra, da que forman parte, un ano máis, a aula permanente de música tradicional e o obradoiro de baile tradicional Como bailar nun serán. Promovidas coa Colaboración do Concello de Pontevedra, estas dúas iniciativas abren nestes días os seus períodos de matrícula, contando ambas cun primeiro prazo dirixido ás e aos integrantes da comunidade universitaria e un segundo dirixido tanto aos diferentes colectivos da UVigo como ao conxunto da cidadanía.

No caso da aula de música tradicional, este luns e martes permanece aberto un primeiro prazo de inscrición, dirixido á comunidade universitaria, á que se reservan dez prazas. As 30 restantes, xunto coas vacantes que poidan quedar deste primeiro período, ofertaranse nun segundo prazo entre o xoves 10 e o luns 14, dirixido tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía. No caso do obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego, resérvanse tamén dez prazas á comunidade universitaria nun primeiro período de inscrición entre o luns 14 e o mércores 16. Xa do 18 ao 28 de setembro abrirase a matrícula para as 30 prazas restantes e as vacantes do primeiro período, nun prazo aberto tanto á comunidade universitaria como ao público xeral. En ambos casos, trátase da matrícula correspondente ao primeiro bloque destas actividades, que se estenderá ao longo do primeiro cuadrimestre, abríndose en febreiro un novo período de inscrición, tamén con dous prazos de matrícula, para o segundo bloque.

As dúas actividades contan con 40 prazas en cada bloque e cun prezo de matrícula de 40 euros, cunha redución do 35% para a comunidade universitaria e do 20% para outros colectivos vinculados á UVigo. As inscricións poden realizarse a través da ferramenta Campus Activo.

Marina Fernández Vigo, nova responsable da aula de música

Segundo recolle a súa convocatoria, a aula permanente de música tradicional constitúe “un espazo formativo” no que achegarse á música tradicional desde un “enfoque lúdico”, ao tempo que busca dotar ás e aos participantes das “habilidades necesarias para a interpretación musical, o coñecemento da teoría musical e a comprensión dos aspectos sociais e culturais nos que se enmarca a práctica da música tradicional e popular”. Á fronte desta iniciativa, que desenvolverá as súas clases nas tardes dos martes na Escola de Enxeñaría Forestal, sitúase Marina Fernández Vigo, gaiteira de Sondeseu e Os Melidaos e profesora no Conservatorio Profesional de Vilagarcía de Arousa. 

Responsable do grupo de música tradicional do campus, Fernández Vigo toma o relevo de Suso Vaamonde á fronte dunha aula na que, lembra, adoita haber “moita continuidade”, con participantes que repiten presenza ano tras ano. Coa idea de que as e os participantes poidan profundar no coñecemento dos seus instrumentos e de que haxa espazo tamén para a iniciación “de xente que nunca tocou”, prevé contar con diferentes niveis nalgunhas das especialidades arredor das que se estruturará a docencia, como son a gaita ou a percusión tradicional, aínda que a estrutura final dependerá dos coñecementos das e dos matriculados. Do mesmo xeito, aos bloques dedicados aos diferentes instrumentos sumarase un tempo de práctica en conxunto, orientado á preparación de futuras actuacións. A idea, sinala Fernández Vigo, é que esta aula sexa un espazo “no que afinar habilidades básicas e non tan básicas dos instrumentos”, que á súa vez poida fornecer de membros o grupo de música tradicional do campus, dándolles “a posibilidade de enfrontarse a outros retos”, nunha formación máis orientada á actuación. 

Iniciación e continuación no baile tradicional

A aula de música tradicional iniciará as súas clases o 15 de setembro e o 1 de outubro retomará a súa actividade o obradoiro Como bailar nun serán, tamén con 40 prazas en cada cuadrimestre. Con clases semanais nas tardes dos xoves, as e os participantes dividiranse en dous grupos, “en función de habilidades e destrezas en baile tradicional galego”, un de iniciación e outro de continuación. Á fronte desta aula situarase novamente a mestra de pandeireta, canto e baile tradicional Montse Rivera, responsable tamén do grupo de baile tradicional do campus.

Como recolle a súa convocatoria, entre os obxectivos deste curso figura que as e os participantes poidan tanto “aprender o imprescindible para poder participar de maneira activa e divertida nunha foliada”, como realizar un exercicio físico aeróbico “cunha certa esixencia”. Esta actividade permitiralles coñecer os pasos base da muiñeira e a xota, así como achegarse tamén ao pasodobre e ao valse, ao mesmo tempo que contará con proxeccións de traballos de recollida realizados en diferentes puntos de Galicia ao longo das últimas décadas, co propósito de afondar na historia dos bailes tradicionais.