DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura dun memorando de entendemento entre as tres institucións

Avanza o proxecto para a posta en marcha dun centro adscrito co RC Celta e EUSES-Vigo

Manuel Reigosa, Marián Mouriño e Jordi Roche destacaron o “alto nivel de calidade” do proxecto

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI 18/12/2025

Universidade de Vigo, RC Celta e o centro universitario EUSES Vigo, pertencente ao grupo Metrodora, asinaron esta semana o memorando de entendemento no que se sentan as bases para a futura creación dun centro adscrito no que se impartirán diferentes titulacións universitarias oficiais, así como outros títulos propios, complementarios aos que xa se ofrecen na UVigo,  “de calidade e nunhas instalacións de vangarda”, contribuíndo así ao “desenvolvemento deportivo, tecnolóxico e comunitario de toda a rexión”. 

O acordo, asinado nas instalacións da Cidade Deportiva Afouteza, moi preto do campus de Vigo, establece que o Celta, a través do proxecto Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, colaborará coa UVigo para promover múltiples actividades conxuntas en educación, investigación e desenvolvemento comunitario. Formalízase así a adscrición do proxecto á Universidade viguesa, o que permitirá que, unha vez autorizadas polas autoridades competentes, se impartan diferentes ensinanzas conducentes á obtención de títulos oficiais expedidos pola propia Universidade de Vigo. 

Ademais, ambas as partes traballarán en programas de investigación e organizarán seminarios, conferencias e talleres, compartindo instalacións, laboratorios e recursos bibliográficos segundo as necesidades académicas, nunha colaboración que pon en valor a importancia da Universidade de Vigo como centro de coñecemento e que reforza a aposta do club pola formación e o desenvolvemento integral das persoas. 

Reigosa: "Estamos moi ilusionados con este novo acordo”

"Estamos moi ilusionados con este novo acordo”, explicou o reitor, Manuel Reigosa, tras a sinatura do memorando. “É un orgullo e unha alegría colaborar da man do Celta. Hai non moito tempo asinamos un convenio para o desenvolvemento das escavacións arqueolóxicas que se realizaron aquí, e agora estamos a sentar as bases para un centro adscrito no que se impartirá docencia que será moi complementaria á que ofrece a Universidade de Vigo, cun alto nivel de calidade e utilidade para a sociedade".

Marián Mouriño destaca a relevancia do proxecto para Galicia

Na mesma liña pronunciose Marián Mouriño, presidenta do Celta, quen explicou que desde o club están "moi contentos por alcanzar este acordo entre as tres partes: Metrodora, coa súa ampla proxección nacional e internacional; e a Universidade de Vigo, que achega ese selo de calidade que queremos garantir en todo o que ofrecemos. Tres institucións serias unidas nun proxecto formativo de gran relevancia para Galicia". 

Pola súa banda, Jordi Roche, presidente de Metrodora, valorou esta colaboración como "un paso importante, xa que esta relación permitirá formar a futuros profesionais que acheguen un valor engadido non só ao Celta, senón tamén ao territorio. Trátase dun proxecto de alto nivel formativo, coa vocación de xerar coñecemento que impulse aínda máis o desenvolvemento de Vigo e a súa contorna".

Este acordo reforza, tal e como se explicou tras a sinatura , o compromiso do Celta coa excelencia educativa e social, aliñándose cos valores de Celta360, un proxecto integral que aspira a ser un referente en deporte, saúde, sustentabilidade e innovación, xerando emprego, fomentando a investigación e ofrecendo formación especializada que conecte o mundo académico coa práctica profesional.