DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os alumnos de doutoramento Rebeca Lar e Diego del Río foron premiados neste certame

Belas Artes, canteira de Novos Valores

O Museo de Pontevedra acolle a exposición das obras premiadas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Premios
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 08/07/2021

Dar apoio aos novos e novas artistas é un dos obxectivos centrais do certame Novos Valores, promovido polo Museo de Pontevedra, que, un ano máis, seleccionou entre os gañadores e gañadoras das súas bolsas de formación novos talentos formados na Facultade de Belas Artes. Os alumnos de doutoramento Rebeca Lar e Diego del Río forman parte dos gañadores deste premio de 7500 euros que lles permitirá continuar cos seus proxectos artísticos e investigadores, xunto co egresado Daniel Cerecedo e Adrián Solleiro. As obras polas que foron recoñecidos polo xurado poden verse ata o 12 de setembro no Edificio Sarmiento, que este xoves acollía a inauguración da exposición das 14 pezas seleccionadas polo xurado nesta nova edición deste certame de artes plásticas. 

“Este premio é un referente para as creadoras e creadores da facultade, é un certame no que sempre pensas”, salienta Rebeca Lar, alumna do Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, que por quinta vez forma parte da exposición de Novos Valores. Mais, desta volta, faino como unha das beneficiarias dunha bolsa que, recoñece, constitúe un “apoio económico moi importante” á vez que achega “visibilidade ao traballo”. Nese mesmo senso, Del Río define este galardón como “unha recompensa despois de tantos anos de esforzo” e como un recoñecemento profesional “que me abrirá portas no mundo da arte contemporánea”, á vez que lle permitirá continuar traballando na súa tese de doutoramento, centrada na viaxe como experiencia artística. Con “moitísima ilusión”, tanto polo recoñecemento do xurado como polo feito de que a súa obra pase a formar parte da colección do Museo recibía este recoñecemento o egresado Daniel Cerecedo, quen nesa idea de ampliar a súa formación sinala o seu obxectivo retornar á facultade para cursar o doutoramento.

As pegadas da memoria histórica na paisaxe

“Os lugares de memoria e reflexión da Guerra Civil e a ditadura na provincia de Pontevedra” constitúen o núcleo do proxecto no que se insire a obra pola que Rebeca Lar foi premiada neste certame. Sen título (sobre paseos e arrepentimentos) é o nome da instalación pictórica na que reflexiona “sobre o vínculo entre a memoria histórica e a paisaxe galega”, neste caso a partires das dúas claves temáticas recollidas no título, a “expresión eufemística” que fai referencia aos asasinatos perpetrados polo franquismo e a idea de arrepentimento, tanto nun significado literal como en alusión a un “procedemento que deixa ver as correccións das pinturas no resultado definitivo”. De feito, Lar buscou “imitar o taller da artista” coa montaxe desta peza, na que “pode verse a madeira do bastidor, as grampas, a tea dobrada e a imaxe borrosa e inacabada da peza do chan”. A obra combina así mesmo diferentes técnicas, como o bordado, a colaxe e a cianotipia, un método de calco que emprega para “rexistrar elementos naturais recollidos en lugares onde houbo fusilamentos”. De feito, unha das teas que integran a peza, explica, “presenta o rexistro de nove pedras” da Volta dos nove, en Baiona. 

“Interésame reflexionar sobre os lugares que pisamos cada día e sobre as pegadas que poden quedar neses lugares de épocas e sucesos anteriores”, salienta Lar, quen tras centrar no concepto da bruxa a investigación que desenvolveu para a súa tese, buscará agora explorar esta nova temática co apoio desta bolsa, que tamén lle permitirá continuar ampliando a súa formación. 

A viaxe como fonte da creación e a investigación

Ras Al Hanout II é o título da obra pola que Diego del Rio resultou premiado neste certame e que dá continuidade a un proxecto realizado en 2019 e inspirado nunha viaxe a Marrocos, que desta volta conflúe con outras experiencias nun “proceso máis intuitivo”, explica. Conformada por 21 pequenos cadros ao óleo sobre aluminio, Del Río buscou nesta serie reflectir a “luz intensa que descansa sobre os muros de adobe dalgunhas das vilas e cidades” de Marrocos que percorreu, Mais, ao mesmo tempo, a obra vincúlase tamén aos meses que pasou traballando na vila Menafoglio Litta Panza, en Italia, e mais en concreto, a unha serie do pintor estadounidense Sen Scully, que por aquel entón se exhibía nesta mansión. Aquela serie, lembra Del Río, buscaba “plasmar o seu recordo da luz cegadora de México” a partires, como lembra Del Río, dunha premisa similar ao seu proxecto, a de “trasladar á pintura a luz que se proxecta sobre as arquitecturas”.  

Nese senso, en Ras Al Hanout II “conflúen dúas das viaxes máis importantes da miña vida”, recoñece este artista, que buscará coa bolsa continuar cunha investigación que, na súa vertente teórica, céntrase na “relación entre arte e viaxe dentro do contexto da globalización”, mentres que a práctica artística nútrese desas experiencias vitais. De feito, Del Río ten previsto realizar nos próximos meses estadías na Residencia Corazón, de Bos Aires, na Academia de Belas Artes de Brera, en Milán, e no Shangyuan Art Museum de Pekín.

Unha reflexión sobre a imaxe no mundo contemporáneo

Tras cursar o grao en Belas Artes e o mestrado en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, o egresado Daniel Cerecedo viviu e traballou nos últimos anos en países como Irlanda ou Austria. Mais, “a idea de facer ou doutoramento sempre me acompañou”, recoñece este artista, que ve nesta bolsa unha oportunidade para producir obra e “para animarme a presentar un proxecto de tese”. De feito, obra pola que resultou premiado, Picasso y Richter (después de), nace “dunha historia que escoite na miña etapa na facultade, a de Zeuxis e Parrasio, dous pintores que se enfrontaron no século V AC nun certame para determinar quen era o mellor do momento”. Nun tríptico que, recoñece, “levaba tempo coa idea de poder materializar”, Cerecedo recrea “unha especie de competición ficticia entre Picasso e Richter, “e tamén comigo mesmo, xa que me propuxen o reto de imitar dous fragmentos de dúas pinturas súas sen empregar a pintura”, salienta. Concretamente, o artista recreou estes fragmentos a partires de imaxes impresas sobre tea, acompañándoas á súa vez dun código QR, lle leva ao público a contemplar un segundo tríptico, coa idea, sinala, de xerar unha reflexión sobre “a concepción, a interpretación e a produción de imaxes na actualidade”.