DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Do final e do comezo’ reúne unha selección de traballos das últimas dúas promocións do grao

Belas Artes exhibe no Pazo da Cultura 38 obras nacidas en tempos de pandemia

Poderá visitarse ata o 26 de setembro e completarase con diferentes actividades

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/09/2021

Despois de que a covid-19 impedise levala a cabo o pasado ano, o Pazo da Cultura acolle desde este venres unha nova edición de Do final e do comezo, a exposición na que a Facultade de Belas Artes reúne cada ano unha selección de obras realizadas polos novos titulados e tituladas como parte dos seus traballos de fin de grao. Comisariada polas profesoras María Covadonga Barreiro e Sonia Tourón, a mostra reúne as obras de 38 titulados e tituladas, seleccionadas nunha convocatoria aberta tanto á última promoción de graduados como a aqueles que, en moitos casos de xeito virtual, presentaron en 2020 os seus TFG. Baixo o título de Do final e do comezo. Unha odisea no Pazo, a mostra reúne as creacións de “dúas xeracións ás que a pandemia sorprendeu no final da súa carreira e que desenvolveron os seus proxectos artísticos no medio dunha situación complexa, restritiva e incerta”, salientou Barreiro. 

Ata o 26 de setembro poderá visitarse unha mostra que na tarde deste venres celebrou a súa inauguración, no que artistas e comisarias estiveron acompañadas polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e o equipo decanal. Nun acto no que Tourón lembrou aos titulados e tituladas que a mostra “non é un final, senón que a vosa verdadeira odisea acaba de comezar”, Soto agradeceulles que “compartades con nós moitas das reflexións que transmitides a través das vosas obras”. Nese mesmo senso, Fouces pediu aos graduados e graduadas que, no seu futuro como artistas, “sexades honestos e comprometidos”, mentres que o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, puxo en valor a “nova enerxía” que Barreiro e Tourón achegan á mostra, á vez que fixo fincapé na importancia para a facultade de iniciativas como esta exposición, organizada xunto coa Concellaría de Cultura, como “un xeito de conexión coa cidade”.

A capacidade de adaptación da arte

“Moitas destas obras foron feitas no confinamento, coa incerteza do que ía pasar, polo que facíanos especial ilusión expor estes traballos”, salientou Barreiro, que lembrou que, pese ás limitacións materiais ou espaciais, as obras reunidas dan mostra de como “ao final a arte é unha negociación co real, que ten que adaptarse sempre aos contextos”. A situación provocada pola covid-19 reflíctese na presenza na mostra de temáticas como o refuxio ou a fuxida, así como no feito de que as obras “sexan menos ambiciosas no sentido da montaxe, xa que moitas delas fixéronas nas súas casas” e nunha maior presenza de “traballos de tipo editorial, como obras de banda deseñada, fotolibros ou libros de artista”.

Trátase, como salientaron as súas comisarias, dunha exposición “que pretende ser plural e representativa”, co propósito de dar cabida “ás temáticas e aos problemas” destas promocións, así como a múltiples disciplinas. Deste xeito, pintura, escultura, videoarte ou fotografía forman parte dunha exposición que incorporará tamén como novidade a performance. Segundo explicou Barreiro, o obxectivo é completar a mostra cunha “pequena programación de eventos”, na que se engloban tres performances que formaban parte dos traballos finais de tres alumnas. Tamén está previsto que se desenvolvan encontros con artistas egresados da facultade e visitas guiadas á exposición.

O presencial prolóngase no virtual

“Con esta exposición o que queríamos era celebrar a presenza, a necesidade de nos encontrar e ver os proxectos ao vivo”, salientou Barreiro dunha mostra que reúne traballos que previamente non se produciran en formato físico. Mais a mesmo tempo, a exposición física complementarase de xeito virtual, a través dos códigos QR que acompañan ás fichas técnicas de varios dos proxectos e que “permitirán acceder a outras partes do TFG non expostas” ou que permitirán, por exemplo, acceder á totalidade de publicacións que, por mor da pandemia, non será posible manipular na mostra. “Parecíanos interesante esa posibilidade de, dalgún xeito, ampliar a exposición no espazo virtual”, sinalan as súas comisarias, que á súa vez farán uso das redes sociais para dar visibilidade aos diferentes traballos e as diferentes actividades que, ao longo do mes, se desenvolvan no marco desta iniciativa. 

O peche dunha etapa

“A exposición é como pór un punto e final á carreira, que sentía que seguía aberta”, salienta Aarón Santos, un dos egresados de 2020 participantes na mostra, incidindo nese senso en como a súa promoción viviu desde as súas casas os seus últimos meses como alumnos. Nese senso, incide na "ilusión" que, pese a telos xa exposto previamente en Vigo, supón para el poder presentar algunhas das obras que desenvolveu para o seu TFG, un conxunto de pezas nacidas de “debuxos automáticos, sen ningún patrón” cos que logo tratou de “compor paisaxes mentais, por así dicilo” e falar así, baixo o título de Limbo, dese “espazo entre o coñecido e o descoñecido”

Tamén con ilusión recibiu a egresada Doira Barrio a posibilidade de exhibir por primeira vez unha serie de debuxos dixitais que formaron parte do seu TFG, conformado por obras que, durante o confinamento, concibira coa idea de que non serían expostas. Baixo o título de El capital me sienta mal, un traballo recoñecido cun dos premios a mellores TFM/TFG en materia de Axenda 2030 da UVigo, Barrio reuniu no seu proxecto “unha colección de obras de varias disciplinas”, que reflicten unha crítica ao sistema económico. Entre elas, a performance que o vindeiro sábado 18 levará a cabo por primeira vez, no marco das actividades desta exposición, coa colaboración do actor Santi Prego.

Por outra banda, en De final e do comezo tamén están representados artistas que este verán defendían, xa presencialmente, os seus TFG, como é o caso de Lucía Lobelle, que realizou un libro ilustrado Na regueira de Xigonde, que toma como partida un relato do seu irmán. “Interésame moito a natureza e centreino na fauna da nosa na que nacemos, dándolle un pouco de vida ao relato desde a miña visión”, explica esta egresada, que destaca esta exposición “como unha oportunidade para darse a coñecer e mostrar o que fixeches, formando ao mesmo tempo parte dun grupo”.