DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario promovido co marco da exposición ‘Eloxio do silencio’, de Silveiro Rivas

Belas Artes leva ao Museo unha reflexión sobre a escultura galega contemporánea

Dirixido a coñecer como os propios creadores reflexionan sobre os seus procesos de traballo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 20/01/2023

“Ao longo do século XX, a escultura sufriu unha transformación radical, representada, entre outros aspectos, pola liberación dos canons clásicos e a perda do seu carácter figurativo”. Con esta premisa como punto de partida, a Facultade de Belas Artes promoveu xunto co Museo de Pontevedra un seminario dirixido a analizar o “estado da cuestión” da escultura contemporánea galega, impulsado con motivo da exposición Eloxio do silencio, de Silveiro Rivas. Promover un diálogo no que artistas de “diferentes xeracións” achegasen “a súa perspectiva” do que é hoxe a escultura, nun contexto marcado pola disolución das fronteiras entre disciplinas, constituíu como sinala o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, o propósito central do seminario desenvolvido ao longo da tarde do xoves no Edificio Castelao e que contribuíu á súa vez a pór en valor a importancia da “conexión entre os vellos meses da escultura, como Silverio Rivas, e as novas xeracións de artistas”.

Tras unha conferencia na que o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Miguel Anxo Rodríguez trazou un breve percorrido pola historia da escultura contemporánea en Galicia, o seminario acolleu unha mesa redonda, moderada por Buxán e dirixida “a coñecer de primeira man” como tres artistas “reflexionan en torno a súa propia obra e os seus procesos de traballo”. Este coloquio contou coas intervencións dos artistas e docentes do Departamento de Escultura Javier Tudela e Basilisa Fiestras, que afondaron, respectivamente, nas súas experiencias de traballo “coa reciclaxe e a recuperación de materiais” e cunha “obra moi intimista, máis relacionada co propio eu”, como explica Buxán. Tamén interveu a artista Amaya González Reyes, que fora profesora asociada da facultade pontevedresa, sumando ao debate tanto o seu propio traballo escultórico a partir “de experiencias moi diversas”, como o que implica neste ámbito “a acumulación de obra”, o que levou á súa vez a incidir nesta mesa “nas dificultades de atopar espazos onde expoñer”, como lembra Buxán. Tras este debate, o seminario pechouse cun achegamento á obra de Rivas, da man da comisaria da exposición, Beatriz de San Ildefonso.