DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito dunha colaboración entre o Servizo de Publicacións da UVigo e Error es Bien_Editorial

Belas Artes presenta no Marco o número 0 do seu anuario ‘erróneo’

Nun acto ao que asistiron Juan Fernando de Laiglesia, Nono Bandera e Jorge Luis Bueno

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Rebeca López Villar DUVI 30/04/2021

Lapsus cálami ou, o que é o mesmo, ‘erro que se comete ao escribir’. Este é o marco teórico que centra o número 0 da nova revista da Facultade de Belas Artes, presentada este xoves no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Marco, nun evento ao que asistiron o catedrático emérito Juan Fernando de Laiglesia, o profesor Nono Bandera e o director do Servizo de Publicacións da Universidade, Jorge Luis Bueno. 

Esta publicación de carácter anual inclúe obra gráfica e textual de profesorado, alumnado e profesionais e supón a estrea do selo editorial Error es Bien, nacido dentro da propia facultade. Así mesmo, a edición do anuario coincide co 40 aniversario da presenza das artes no contexto universitario español, como afirmou De Laiglesia, director da revista. No comité de redacción atópanse, ademais de Bandera e De Laiglesia, os docentes Chelo Matesanz, Anne Heyvaert, Marcos Dopico, Xoán Anleo e Marcos Covelo.

O erro como virtude

A Facultade de Belas Artes adquiriu en 2018 unha máquina Riso SF9350, un híbrido entre a serigrafía e a fotocopiadora que consegue resultados irregulares. Segundo Nono Bandera, editor executivo da publicación e docente do Departamento de Debuxo, as posibilidades de autoedición que ofrece a risografía levaron a varios profesores da facultade a “idear unha publicación anual con recursos propios do noso centro, que fose distinta ás que existen no ámbito académico e científico, e onde a imaxe e o papel como soporte tivesen un protagonismo fundamental”.

Bandera explica que cada un dos 300 exemplares do “anuario/obra” é distinto pola variabilidade da “carga e saturación de tinta” da copiadora e, neste senso, “o erro está presente en toda a edición”. Os organizadores atoparon no defecto unha virtude e quixeron subliñar a orixinalidade das impresións, cuestión “que as converte en obra gráfica”. Do mesmo xeito, o erro dá nome ao selo editorial que sacaron adiante hai uns meses, Error es Bien, e funciona como eixe temático deste novo anuario. 

Alén das particularidades formais da Riso SF9350, Nono Bandera resalta que este aparello “imprime con tintas a base de soia e non contén disolventes volátiles, polo que é un proceso respectuoso co medio ambiente e non xera residuos de tinta, nin placas de aluminio desbotables como no offset”. 

Unha “autoedición” que abrangue disciplinas variadas

O número 0 do anuario/obra conta coas seccións tituladas PÚA, VERTEBRADOS, IN/OUT e UN BORDE. No primeiro apartado, a revista presenta artigos breves sobre o tema da publicación, o lapsus cálami, e inclúe escritos dos docentes Juan Luis Moraza, Mª José Fabello, Elena Lapeña e Román Corbato. A tamén profesora de Belas Artes Almudena Fernández conversa coa egresada Isabel Flores nas páxinas tituladas IN/OUT, namentres Ignacio Pérez-Jofre, Juan Carlos Román e Juan Loeck achegan textos ensaísticos na sección UN BORDE. VERTEBRADOS constitúe unha “galería de gráficas imprevistas” na que se introducen imaxes tanto de alumnado da facultade como de tituladas e titulados.  

Os traballos participantes no número 0 foron seleccionados a través dunha convocatoria pública, cun proceso de revisión por pares avaliado por un comité científico de máis de 60 docentes e profesionais do mundo artístico. Dos 300 exemplares impresos, o Servizo de Publicacións da UVigo porá á venda 150 exemplares en librerías, mentres que o resto de unidades serán para as colaboradoras e colaboradores, para diversas bibliotecas de facultades de Belas Artes e para centros de arte. 

Edición 2021 e próxima presentación en Pontevedra

Ademais de presentar o número 0, De Laiglesia e Bandera aproveitaron o día de onte para mencionar outros proxectos do selo Error es bien, que acaba de publicar Desbordamentos, un traballo editorial que recolle entrevistas a artistas que cursaron estudos na facultade. Así mesmo, os docentes difundiron a convocatoria para o número 1 do anuario/obra, que xa se atopa aberta para que artistas, investigadores e profesionais interesados envíen as súas propostas. En calquera caso, todas as participacións terán que ter relación coa temática do “bo errar”. 

A axenda de presentacións desta nova publicación da Facultade de Belas Artes comezou o día 12 deste mes en Santiago, no Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC, e continuará o 21 de maio na pontevedresa Fundación Rosón de Arte Contemporáneo, RAC.