DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As creacións de tres egresados formarán parte da exposición colectiva Salón Brand New

Belas Artes preséntase en Madrid con tres traballos nacidos no confinamento

Esta iniciativa reúne docentes e estudantes de dez facultades españolas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/06/2021

Unha nova edición da feira internacional Arco converterá Madrid nunha das capitais da arte contemporánea a comezos de xullo, cando terán lugar múltiples actividades, iniciativas e exposicións. Entre elas, Salón Brand New, unha mostra colectiva que reunirá no Centro Cultural Conde Duque as creacións de 30 artistas formados en dez universidades españolas, como as egresadas e o egresado da Facultade de Belas Artes Cristina Chiarroni, Emma Diarte e Manuel Lema. Os seus traballos de fin de grao, que desenvolveron o pasado curso nun contexto de confinamento e suspensión da actividade docente presencial, foron seleccionados para a mostra organizada por Atelier Soler e Concreto Comunicación.

“Unha exposición destas características é unha moi boa oportunidade para dar a coñecer a miña obra, tanto a nivel nacional como internacional”, salienta Diarte da elección do seu TFG, un mural realizado con máis de 500 paquetes de tabaco, para a mostra que poderá visitarse do 7 de xullo ao 5 de setembro. Impulsado polos xestores culturais Mario Canal e Daniel Silvo, Salón Brand New reunirá en Madrid a 30 egresados ou estudantes de útlimos curso de dez universidades. De aí que Chiarroni, que presentará unha obra centrada na idea de refuxio, poña o acento en que “será moi enriquecedor coñecer o que fan outros artistas novos ao longo do territorio español”. Na experiencia que, co apoio da UVigo, poderá vivir neses días en Madrid incide tamén Manuel Lema, un titulado con discapacidade auditiva que buscou no cómic que realizou como TFG dar a coñecer a realidade da comunidade xorda. “A verdade é que teño moitas ganas de ir porque é a primeira vez que ensino a miña obra e gustaríame ver como a recibe a xente”, salienta. 

Un espazo de visibilidade e debate

Presentada como unha “mostra da arte española do futuro”, a exposición é resultado dun proceso de selección levado a cabo en dez facultades. “Decidimos participar para dar visibilidade ao traballo do alumnado fóra do contexto galego”, salienta a profesora e secretaria académica de Belas Artes, Chelo Matesanz, que explica que a facultade realizou unha primeira selección de dez TFG, do que posteriormente foron escollidos os tres que se presentarán en Madrid. Por outra banda, o evento completarase en setembro cun foro académico no que intervirán docentes das diferentes facultades participantes e que se desenvolverá nun “formato híbrido” no Museo de Arte Contemporáneo de Madrid. O seu obxectivo será “reflexionar sobre o presente e o futuro da ensinanza en Belas Artes, sobre a nosa experiencia no ámbito da investigación artística na universidade e os modos nos que a produción artística se complementa ou fricciona co académico”, explica o profesor Nono Bandera, que representará á facultade pontevedresa neste encontro.

O refuxio construído no confinamento

Como unha “grande oportunidade para poder medrar a nivel profesional” define Cristina Chiarroni a súa selección para esta exposición, na que presentará unha obra inserida no TFG que realizou con Matesanz como titora e que naceu durante o período de confinamento. Nela, explica, “exploro a idea do refuxio evocando diferentes espazos vitais e evidenciando a memoria e o paso do tempo no corpo”. Composta por varias esculturas de cerámica e por dúas “videoperformances”, que Chiarroni reunirá como unha instalación, baixo o título de Casa Feliz, trátase dunha obra “bastante íntima, porque nese momento vital necesitaba entender e expresar mediante a linguaxe artística certas cousas sobre min e o meu pasado”. De aí que esta egresada recoñeza “certo reparo” á hora de “expoñerme publicamente”, mais ao mesmo tempo lembra que a súa reflexión parte de “temas universais”, polo que “quizais algunhas das persoas que a vexan poidan empatizar e sentirse identificadas”. 

Publicidade e comportamento colectivo

Lágrimas subliminales é o título da instalación mural que Emma Diarte desenvolveu con José Andrés Santiago como titor e para que empregou 576 paquetes de tabaco. Sobre a súa unión, a artista realizou unha serie de intervencións con diferentes técnicas, desde a serigrafía, a “outras máis urbanas”, co propósito de promover unha reflexión sobre “como a publicidade e os medios de comunicación poden chegar a modelar o comportamento colectivo, incitando a compra de determinados produtos e o consumismo”. Nese senso, Diarte, que actualmente cursa un mestrado en produción e prácticas artísticas na Universidad de Salamanca, admite que se trata dunha peza que “creo que recolle moi ben o meu perfil como artista e as temáticas que me interesan”. De aí que recoñeza a importancia que para ela ten que esta obra, “que é o resultado da transformación tanto formal como conceptual” que experimentou como artista nos últimos anos, forme parte dunha exposición que arrancará ademais nuns días nos que Madrid “estará cheo de artistas, comisarios, galeristas e demais axentes do mundo da arte”. 

As “mans anoadas” dos nenos e nenas xordos

O congreso internacional de mestres de persoas xordomudas celebrado en Milán en 1880 e no que se decidiu excluír a lingua de signos do ensino constitúe o punto de partida do cómic que Lema desenvolveu para o seu TFG, que realizou co catedrático José Chavete como director. Titulado 1880 Milán, esta obra afonda no que esta decisión supuxo os nenos e nenas xordos, “que se viron moi afectados e sufriron moito co uso da lingua oral” nas aulas, onde “a súa lingua materna estaba prohibida” polo que, como sinala Lema, “sentíronse como se lles anoasen as mans”. No cómic, o egresado reflexiona sobre estes feitos dun xeito metafórico, a través da figura dun neno cunha man como cara, “que representa o seu uso da lingua de signos”, e do seu pai cun megáfono por cabeza, en alusión á “esixencia do uso da lingua oral” derivada do congreso. A través destes personaxes, Lema busca contrapor a visión duns pais “que entendían que o mellor para os seus fillos era o uso da lingua oral, que vían máis prestixiosa, e se avergoñaban da de signos, que vían como algo propio de persoas con discapacidade”, mentres que os nenos e nenas, “que levaban anos usando a lingua de signos tiñan unha visión contraria”, explica. 

Nese senso, Lema salienta que ser un dos tres seleccionados para representar a Belas Artes neste evento “era algo que non esperaba e que significaba que os meus debuxos foran comprendidos, que as persoas oíntes que o viron querían profundar no que pasou no congreso de Milán, e iso para min era algo estupendo”. Sensación que previamente xa vivira, lembra, cando soubo da cualificación que obtivera no TFG que por mor da covid-19 non puido defender de xeito presencial diante dun tribunal. “Todo isto faime feliz porque estou defendendo a nosa experiencia, dando visibilidade á comunidade xorda e facendo que a xente empatice con nós”, salienta.