A candidata á Reitoría de H2040 avanza a creación dunha Vicerreitoría de Innovación Tecnolóxica
Belén Rubio avoga por construír unha universidade excelente con diálogo, axilización de procedementos e achegamento á sociedade
Comprométese a actuar con rigor e procurar o benestar das persoas
“Creo que temos unha boa universidade, pero temos que loitar por unha universidade excelente”, asegurou esta mañá a candidata á Reitoría da UVigo por H2040, Belén Rubio Armesto, nun encontro con xornalistas no que debullou algunhas das ideas e accións que prevé desenvolver caso de converterse na primeira reitora da institución académica viguesa.
Rubio, que fora proclamada candidata de H2040 en setembro do ano pasado, confirmou esta mañá a creación dunha Vicerreitoría de Innovación Tecnolóxica destinada a axilizar os procedementos e optimizar os procesos, porque “ a burocracia cómenos”, asegurou; así como a súa intención de redistribuír o persoal en función das necesidades e circunstancias, nomeadamente o avellentamento e o descenso previsto no número de estudantes; así como continuar achegando a Universidade á sociedade. “Rigor e responsabilidade”, “procura do benestar das persoas” e “funcionar con diálogo e colectivamente”, son algunhas das liñas de acción que esbozou a candidata, que lembrou que cómpre agardar á aprobación do calendario electoral para, a partir de aí, presentar as liñas programáticas e o equipo co que concorrerá as eleccións, previstas para vindeiro mes de maio.
Na súa presentación ante os medios deste martes no edificio Redeiras, a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo estivo acompañada por varias vicerreitoras e vicerreitores do actual equipo de goberno, como Félix Quintero, Maribel del Pozo, Eva Lantarón, Alfonso Lago e Natalia Caparrini, así como por membros de H2040.
Os retos: remuda xeracional, achegamento á sociedade e axilidade burocrática
En pleno proceso de escoita e reunión con equipos directivos e decanais e representantes do alumnado dos tres campus, Belén Rubio manifestou a súa intención de seguir achegando a Universidade á sociedade trasladando o coñecemento ás empresas para que este impacte na cidadanía e apostando por novos modelos de docencia como as microcredenciais, impartidas, ademais de por profesorado da UVigo, por persoal de empresas.
Os derivados do avellentamento do cadro de persoal e da caída da natalidade, son para Belén Rubio dous dos principais retos que considera cómpre atender nun escenario cambiante e no que “as universidades non somos tan autónomas como críamos”, dixo. Lembrou que na UVigo o ano pasado se convocaron 60 prazas de axudante doutor, así como que o 70% do PDI é permanente e o 96% do PTXAS é persoal funcionario, “pero cómpre redistribuír polo cambio de circunstancias, por exemplo antes a matrícula se facía de xeito presencial, pero agora é en liña; pero tamén hai que seguir crecendo”. Doutra banda, unha docencia máis flexible, títulos conxuntos con outras universidades e unha maior aposta pola internacionalización, son algunhas das alternativas que Rubio formula para facer fronte á caída da matrícula universitaria prevista a partir de 2028.
Así mesmo, Rubio confirmou que se producirán cambios na actual estrutura do equipo de goberno, coa creación dunha nova Vicerreitoría de Innovación Tecnolóxica , aínda que tamén haberá “moita permanencia”, dixo a candidata, que asegurou que “quero que a xente veña contenta a traballar e teremos moitísimo diálogo con todos os colectivos.”, dixo.
Titulacións e financiamento
A preguntas dos medios, Rubio defendeu o acordo de descentralización do Grao en Medicina, cualificando o traballo do reitor, Manuel Reigosa de “excelente” e de “fito histórico”. A candidata a reitora amosouse partidaria de ir observando a evolución do proceso de descentralización e as circunstancias que o rodean, sen descartar se fose preciso que a UVigo puidese ter un título propio ou un partillado coas outras universidades. “Temos tempo de romper a baralla senón funciona e si funciona hai que ver. Non se descarta ningunha posibilidade pasados tres anos”, asegurou.
En canto á negociación do novo mapa de titulacións, Rubio apuntou que lle gustaría que a UVigo siga a ser un referente nas enxeñarías, ademais de lembrar que “hai tempo que non se crea unha titulación de ciencias”, así como a necesidade de pensar en máis títulos interdisciplinares , como podería ser un que combine as humanidades e a dixitalización.
Sobre a negociación do Plan de Financiamento do SUG para o período 2027-2032, lembrou a importancia de incorporar novidades como que o 1% do PIB se destine a investigación, ao tempo que destacou a importancia doutras fontes de financiamento como a consecución de proxectos nacionais e internacionais, que pasaron, neste último caso de 95 no ano 2018 a 148 en 2025.
Acordos cos outros candidatos
Sobre a súa relación cos outros dous candidatos á Reitoría, Rubio explicou en referencia a Jacobo Porteiro que “estivo no equipo de goberno con nós e aínda que seguimos xuntos a Comisión de Investigación temos algunhas ideas moi diferentes sobre algúns temas”. Sobre Carmen García Mateo, recoñeceu a súa valía como investigadora, pero asegurou que “con Nós-Universidades temos ideas moi dispares”.
En relación coa posibilidade de acadar algún acordo cos candidatos, Rubio remitiuse a unha previsible segunda volta das eleccións, “que podería ser o momento. Eu son unha persoa dialogante”, asegurou.
