DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Substitúe ao sistema informatizado de xestión bibliotecaria que se empregaba dende o 2000

A Biblioteca Universitaria estrea Perseo, o seu novo buscador

Facilita unha procura integrada tanto dos recursos bibliográficos impresos como dos dixitais

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Institucional
M. Del Río DUVI 20/01/2023

O comezo deste 2023 trouxo importantes cambios para Biblioteca Universitaria, que acaba de estrear un novo buscador, Perseo, unha ferramenta que facilita unha procura integrada nos recursos bibliográficos impresos e dixitais dispoñibles na propia Biblioteca Universitaria pero tamén noutros recursos alleos. 

O cambio, explica o seu director Gerardo Marraud, “obedece á necesidade de actualizar a nosa tecnoloxía de base. Ata agora tiñamos un sistema informatizado de xestión bibliotecaria que, implantando no ano 2000, estaba concibido para xestionar bibliotecas físicas, é dicir, bibliotecas baseadas en materiais tanxibles (impresos, cintas de vídeo, CDs, etc.) e cun uso dos servizos principalmente presencial.  Coa dixitalización e internet, os materiais bibliotecarios empezaron a “desmaterializarse” e o uso da biblioteca comezou a ser virtual.  Isto fixo xurdir novos sistemas baseados en web, moito máis aptos para xestionar esta nova realidade bibliotecaria”.  

Este novo buscador baséase na ferramenta Primo VE e ten un funcionamento “semellante aos buscadores tipo Google” xa que, desde unha única interface, facilita acceso non só aos recursos impresos posuídos pola Biblioteca, como facía o vello catálogo, senón tamén á oferta de recursos electrónicos e dixitais (revistas e libros electrónicos, recursos web, etc.) contratados pola Biblioteca Universitaria e o CISUG, aos documentos depositados no propio repositorio institucional Investigo e a recursos alleos en acceso aberto.

Ademais, tamén ofrece “interesantes servizos asociados”, como a posibilidade de xestionar os préstamos e renovacións no espazo persoal da persoa usuaria, gardar buscas e activar alertas, exportar rexistros en distintos formatos, xerar citas bibliográficas etc. Nun futuro próximo ampliarase a oferta destes servizos.

Atopar en lugar de buscar

Sobre as vantaxes deste novo sistema, Marraud detalla que co anterior catálogo “a funcionalidade principal era a ‘busca’ de libros e outros recursos bibliográficos ofrecidos pola Biblioteca”, mentres que co novo buscador “a filosofía é máis ben ‘atopar’ ou ‘descubrir’ recursos de información dispoñibles na Biblioteca Universitaria ou fóra dela”.  Ademais, tamén resalta que o novo Perseo “permite unha maior “granularidade” na recuperación da información”, xa que mentres nos tradicionais catálogos bibliotecarios en liña o usuario buscaba e atopaba os “contedores” da información (libros e revistas basicamente), cos actuais buscadores pódese chegar aos contidos (artigos, capítulos....).

Sobre a súa estrutura, o novo sistema comprende, en realidade, dúas partes diferentes. Por unha banda, o propio buscador Perseo, que é a interface para o público e, por outra, o sistema de xestión propiamente dito, bautizado co nome comercial de Alma.  

Proceso de migración

O proceso de posta en marcha do novo sistema desenvolveuse ao longo en nove meses, “un prazo curto para a súa complexidade” pero que “foi posible grazas á colaboración entre as tres universidades públicas de Galicia e á coordinación do CISUG, o Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia”. Por agora o novo Perseo está en fase beta, e aínda non está claro cando pasará á versión definitiva. “A complexidade do sistema e do seu proceso de implantación fan que a súa posta en marcha leve consigo un proceso de aprendizaxe e de mellora continua no que non hai que descartar a necesidade de ir corrixindo erros inesperados causados pola migración dunha tecnoloxía obsoleta, a do catálogo anterior, á tecnoloxía de última xeración na que se basean Perseo e o sistema Alma”, engade o director da Biblioteca Universitaria.

Para axudar neste proceso, as e os usuarios teñen á súa disposición unha completa guía sobre o buscador Perseo e unha listaxe de FAQs, accesibles ambas dende a axuda do menú superior ou tamén a través das Guías da Biblioteca. Proximamente ampliarase esta oferta con varios videotitoriais.

Por outra banda, o antigo catálogo continuará estando dispoñible ata o 28 de febreiro de 2023 para que as persoas usuarias que o desexen poidan descargar o seu historial de préstamos de libros. Este historial do anterior catálogo non vai estar dispoñible no novo Perseo, pero existe unha guía en formato vídeo e en formato presentación coas instrucións para recuperar este historial.