DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode visitarse durante este mes de marzo

A Biblioteca Universitaria rende homenaxe a 21 ‘mulleres intrépidas e aventureiras’ que fixeron historia

Exploradoras, aviadoras, alpinistas ou astronautas que destacaron en contextos masculinizados

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI 18/03/2025

Como cada ano, a Biblioteca Universitaria únese á celebración do Día Internacional da Muller e faino, desta volta, cunha exposición na que durante todo o mes de marzo se rende homenaxe a 21 mulleres que, ao longo da historia, romperon co estereotipo da debilidade física masculina. Desde Exeria no século IV ata Laura Dekker xa neste século, o persoal da biblioteca fixo unha selección de Mulleres intrépidas, que é o título da mostra, “que exploraron o planeta e o espazo por distintos medios”. 

Exploradoras, aviadoras, alpinistas, nadadoras, navegantes, astronautas... sen deixar de poñer en valor a Exeria. Todas elas, explica o persoal da Biblioteca que impulsa esta iniciativa, “teñen en común ter superado os convencionalismos sociais co seu espírito de superación”. 

No taboleiro da entrada pódese consultar un pequeno resumo e xustificación da mostra, no que se explica que aínda que existiron mulleres intrépidas e aventureiras desde os tempos máis remotos, este ten sido sempre un mundo “tradicionalmente masculino”. Por iso esta mostra quere botar a vista atrás e poñer en valor fazañas de mulleres que “descubriron, voaron, investigaron e foron as protagonistas de aventuras trepidantes e perigosas”. Algunhas delas conseguiron gravar o seu nome na historia moi a pesar do contexto social que as rodeaba, pero outras caeron no esquecemento.

Nesta cristaleira están as 20 mulleres seleccionadas, coa súa imaxe e algúns datos biográficos, facendo especial mención aos seus logros. Desde Isabel Barreto, primeira muller almirante na historia de España, que viviu entre os séculos XVI e XVII ata a neocelandesa Laura Dekker, que en 2010 se converteu na persoa máis nova en circunnavegar o mundo en solitario, pasando pola alpinista Edurne Pasabán, a aviadora Amelia Earhart ou a astronauta Valentina Vladímirovna Tereshkova, primeira muller e primeira civil en levar a cabo unha viaxe espacial en 1963. Tamén se pode coñecer nesta mostra a historia doutras pioneiras dos séculos XVIII e XIX como a viaxeira Ida Pfeiffer, primeira muller admitida nas sociedades xeográficas de Berlín e París, a exploradora Mary Kingsley, coñecida como 'A raíña de África', ou Josephine Cecilia Diebitsch Peary, quen descubriu que Grenlandia era unha illa e non unha península. Xunto con información de cada unha destas mulleres senlleiras, o público tamén pode atopar unha selección de fondos bibliográficos relacionados coa temática, que se poden solicitar en empréstito. 

Ademais, nun espazo aparte está o recuncho dedicado á galega Exeria, primeira peregrina a Terra Santa e autora de Itinerarium ad Loca Sancta, libro no que relata esta viaxe. Para manter vivo o seu recordo, a Universidade de Vigo decidiu poñerlle o seu nome (elixido por votación popular en 2018) a un dos edificios administrativos do campus de Vigo.