DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto a alumnado de todas as titulacións, reúnese os mércores ás 16.30 h en CC e do Traballo

Bota a andar unha nova edición do Club de debate e oratoria

No curso pasado acadaron as semifinais no torneo Parlamento Xove

Tags
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 20/10/2022

Para presentar traballos, para avaliacións orais, para procesos selectivos ou para o desenvolvemento laboral. Ter a capacidade e as ferramentas precisas para falar en público con soltura é cada máis necesario en moitos momentos da vida, tanto académica como profesional. Pero esta é unha competencia que non adoita formar parte dos plans de estudo das diversas titulacións, motivo polo cal hai xa seis anos na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo naceu un Club de debate e oratoria. De balde e aberto a alumnado de todas as titulacións da Universidade de Vigo, o obxectivo é que as e os participantes adquiran as técnicas indispensables para falar en público, as ferramentas verbais e de oratoria e aprendan, en definitiva, a argumentar para convencer. Para isto adestraranse en dúas técnicas de debate: o British Parliament e o Debate Académico.

Esta semana arrancou, cunha xornada de presentación, unha nova andaina do club, baixo a coordinación do profesor Xosé Manuel Pacho, vicedecano de Dereito e coordinador de Normalización Lingüística deste centro. Lembra que, cando a facultade apostou por poñer en marcha esta actividade formativa complementaria, a finalidade era “desenvolver as competencias que estimamos necesarias para o alumnado de falar en público e as destrezas que poden gañar para os seus desempeños futuros”. Pero co tempo comezaron tamén a competir en diferentes certames autonómicos, e mesmo nacionais, chegando no curso pasado a clasificarse como semifinalistas do torneo Parlamento Xove.

Unha experiencia moi satisfactoria

Xosé Manuel Pacho explica que dende a posta en marcha deste club hai seis anos, “a valoración da experiencia é moi positiva”. Neste tempo, detalla, ten participado alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, dos graos en Dereito, Relacións Laborais e o PCEO ADE-Dereito, pero tamén estudantes doutros centros da Universidade “que estiman que falar en público pode ser un aspecto importante para o éxito profesional”. Ademais, o vicedecano tamén destaca “o compromiso do alumnado doutros anos en seguir adiante con esta actividade, xa que sen eles sería moito máis difícil levala a cabo”.

Con todo, e a pesar de que a competencia non era un aspecto fundamental xa que esta actividade estaba enfocada á formación, co tempo, os sucesivos equipos de estudantes foron dando un paso máis aló e comezaron a competir na liga de debate do campus de Ourense, que organizaba o profesor Pablo Bonorino. “Gañamos”, recorda Pacho, e empurrados por este éxito o ano pasado os membros do club quixeron competir tamén fóra da Universidade de Vigo “e fixémolo no Parlamento Xove, chegando a semifinais”.  De agora en diante, explica o docente, “a idea é que apostemos por estas dúas liñas en paralelo: falar en público e competir en debates, e que o alumnado escolla o que máis lle satisfaga”.

A retórica é o corazón do dereito

Que este club de debate e retórica nacese na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo non foi por casualidade. Como relata Xosé Manuel Pacho “se falar en público é importante en xeral, nas actividades vencelladas ao dereito, é fundamental. A palabra é a ferramenta e o mecanismo dos xuristas. A retórica é a base coa que se desenvolven as actividades vinculadas á práctica do Dereito, e falar ben en público, ou coñecer as técnicas para facelo pode permitirlle ao alumnado unha mellora substancial en exposicións en público, defensas de TFG, de TFM, e actividades complementarias”.

Pero a pesar de que “a retórica é o corazón do dereito”, este tipo de contidos non forman parte dos plans de estudos da facultade viguesa, aínda que si no resto dos centros que imparten estudos de Dereito nas universidades galegas. De feito, Argumentación Xurídica é a materia na que se insire a liga de debate que o profesor Bonorino organiza na Facultade de Dereito de Ourense. “Debemos apostar por introducir esta materia nos nosos plans de estudo, non sei se en carreiras de ciencias isto é tan necesario, pero nos estudos de Dereito é fundamental e agardemos que non se tarde en facer en Vigo. Entrementres, nós seguiremos co Club de debate e oratoria”. 

As xuntanzas, os mércores pola tarde

Aínda que as e os membros deste club se reúnen cada mércores, entre as 16.30h a 18.30 h. no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, está aberto a todo o alumnado con independencia da súa titulación e o seu nivel no eido da oratoria. Para inscribirse só teñen que poñerse en contacto co organizador a través do correo xmpacho@uvigo.es