DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado de Educación Primaria afonda nos efectos da industria téxtil nunha serie de vídeos

Cal é o impacto social e ambiental dunha camiseta?

Nunha actividade inserida nun proxecto de innovación educativa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/06/2021

Cal é o impacto social e ambiental da túa camiseta? Esa é a pregunta á que estudantes do Grao en Educación Primaria achegan múltiples respostas nunha serie de vídeos divulgativos que desenvolveron no marco da materia Educación ambiental para o desenvolvemento e que difunden a través da rede. Inserida nun proxecto de innovación educativa centrado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), esta iniciativa buscaba sensibilizar aos futuros e futuras docentes das “consecuencias da fast fashion”, a través dunha reflexión centrada “nos actos cotiás da nosa vida, como a compra dunha simple camiseta”, como explica a súa coordinadora, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Mercedes Varela.

Divididos en diferentes grupos, preto de 40 alumnos e alumnas participaron ao longo do cuadrimestre nunha actividade na que, partindo dos seus intereses e preferencias, centraron os seus vídeos nas diferentes etapas do “ciclo dunha camiseta”, como explica Varela; a produción da materia prima, o manufacturado, a distribución, o seu uso e os residuos que xera esta industria. Así, deron forma a dez vídeos de aproximadamente un minuto, dous por cada etapa, nos que poñen o foco na contaminación atmosférica e oceánica que implica esta industria, a segunda máis contaminante do mundo, sinalan. Algunhas das pezas destacan, por exemplo, os 3000 litros de auga que supón a fabricación dunha camiseta ou os 7000 que implica un pantalón vaqueiro, mentres que outros abordan aspectos relacionados co consumo de moda, incidindo, por exemplo, en que as e os españois compran de media 34 prendas e tiran ata 14 quilos de roupa cada ano. Do mesmo xeito, os vídeos afondan tamén nas condicións laborais nos procesos de fabricación e distribución, sinalando a existencia de xornadas laborais “que superan as 16 horas” en Bangladesh ou o traballo de nenos e adolescentes na India.

Sensibilizar a partires de problemáticas próximas

“A experiencia ten como finalidade o desenvolvemento da alfabetización informacional e do pensamento crítico, de forma que ambas capacidades faciliten a formulación de preguntas críticas, a reflexión, o debate e a análise da realidade desde a complexidade”, destaca Varela dunha actividade que se insire na formación do alumnado en educación ambiental. O obxectivo desta, salienta, debe ser “educar para a acción e a busca de comunidades sostibles” e de aí que a docente avogue porque o traballo na aula parta de “problemas socioambientais próximos”, de tal xeito que o seu estudo favoreza “a posta en cuestión e posterior cambio de accións cotiás”.

Así, o proceso de traballo partiu do estudo do cambio climático para logo afondar en que a industria téxtil “é unha actividade moi relacionada coa emisión de gases de efecto invernadoiro”, o que á súa vez levou á reflexión sobre a necesidade de “modificar os nosos hábitos de consumo en relación coa fast fashion”, relata Varela. Nese senso, a docente recoñece que os resultados da avaliación desta experiencia resultaron “moi positivos”, xa que “o alumnado se describe tras esta como persoas máis críticas e  conscientes”. Máis aló da propia sensibilización das e os participantes, a actividade buscou tamén “explorar a posibilidade de provocar unha maior sensibilización cara os impactos” desta industria a través da difusión na rede dos vídeos resultantes, elaborados, como lembra Varela, por estudantes “que non son especialistas” en contidos audiovisuais.

Formación vinculada á Axenda 2030

A actividade que Varela desenvolveu ao longo deste cuadrimestre co alumnado insírese á súa vez nun dos proxectos de innovación educativa aprobados pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para o presente curso, Abordaxe dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. Coordinado por Varela, neste proxecto participan 12 docentes e investigadores da facultade, xunto con cinco docentes doutros centros da Universidade e tres alumnas de doutoramento e está dirixido a promover unha “formación docente que favoreza a consecución da Axenda 2030 dende a escola”. Dirixido a que o estudantado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria desenvolva “competencias docentes” que lle permitan no futuro levar a cabo experiencias de ensino innovadoras e co propósito de pór de relevo o papel que a escola pode xogar á hora de “proporcionar as capacidades necesarias para conseguir solucións aos graves problemas actuais”, este proxecto engloba o desenvolvemento, ao longo de 2021, dunha serie de actividades en diferentes materias, centradas nos 17 ODS da Axenda 2030 de Nacións Unidas. De feito, no caso da actividade levada a cabo na materia impartida por Varela, esta implicou a abordaxe dos ODS 4, 12 e 13, relativos á educación de calidade, á produción e consumo responsable e ao cambio climático, respectivamente.