DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escudaría tamén prevé poder usar o sistema autónomo no seu propio coche

Cambio de motor e redeseño do paquete aerodinámico, o UM26 segue a renovarse 

Máis de 80 estudantes dos campus de Vigo e Ourense integran este curso o equipo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 05/12/2025

Desde o inicio do proxecto hai once anos, o monopraza da UVigo foi evolucionando, tanto por dentro como por fóra, ata chegar a este curso 2025-2026 no que a escudaría encargada do seu deseño e fabricación está a introducir importantes novidades coas que aspiran a seguir mellorando os resultados acadados nas competicións internacionais nas que participan. “O coche traerá como cambio máis importante a modificación dun motor de Kawasaki R6N a un Triumph Daytona, con todas as variacións que isto supón, tanto na propulsión, como noutros elementos. Ademais, isto virá acompañado dun redeseño completo do paquete aerodinámico do monopraza”, explica Marta Cabo Rodríguez, estudante do Máster de Enxeñería Industrial e  team leader do equipo, formado este curso por máis de 80 estudantes dos campus de Vigo e Ourense.

Xunto ao cambio de motor, o redeseño do paquete aerodinámico e unha nova redución de peso do monopraza, que continuará a funcionar con etanol, a escudaría tamén continúa co traballo iniciado o ano pasado desenvolvendo nunha iniciativa pioneira que lles permita poñer en funcionamento o sistema autónomo no seu propio vehículo, o UM26, e así poder competir sen ter un piloto, “un proceso que leva bastante tempo, pero non queremos competir co noso propio coche ata que teñamos un sistema funcional”, sinala Marta Cabo, que avanza que están a valorar a posibilidade de volver a competir en Fórmula Student Reino Unido. Para poder decidir o resto de circuítos nos que competirán esta temporada, deberán agardar ás probas de acceso que terán lugar o vindeiro mes de xaneiro.

Conta atrás para o inicio da fabricación e obxectivos

Logo de iniciar o proxecto do UM26 a principios deste curso, o equipo está neste intre pechando a fase de deseño de todos os departamentos e pronto empezarán coa fabricación de vehículo, comezando de xeito inminente polo chasis. 

Sobre o cambio de motor e o redeseño completo do paquete aerodinámico do coche, Marta Cabo explica que “ambas as dúas cousas veñen da man do maior obxectivo que temos sempre que é seguir mellorando. Actualmente, co Kawasaki R6N que tiñamos no coche xa non nos daba as prestacións que necesitábamos para traballar, por iso decidimos cambiar. E o paquete aerodinámico redeséñase co obxectivo de mellorar os números do mesmo, co que elevamos dende hai tres ou catro anos”.

En canto aos obxectivo que o equipo se fixa para esta temporada, logo dos resultados polo UM25 en Portugal e Croacia, a escudaría apunta en primeiro lugar a poder rodar pronto o coche, para que así sexa máis fiable antes de ir ás competicións. “Continuar mellorando, na liña que levabamos estes últimos anos”, é outro dos obxectivos que sinala Marta Cabo, que tamén engade á lista de apartados a perfeccionar “todos os conceptos teóricos do coche, que son a simulación e a validación, porque para nós é moi imporante ter un vehículo con sentido lóxico e, ademais, ter toda a documentación necesaria para que en próximos anos se poida seguir realizando o coche nesta liña”.

Equipo e patrocinadores

81 alumnos e alumnas de diversas titulacións dos campus de Vigo e Ourense integran este curso o equipo, que inclúe “representantes de todos os graos de enxeñaría que se imparten na UVigo e tamén doutras titulacións”, detalla a team leader da escudaría. Cun número de membros moi similar ao da tempada pasada, neste equipo “estamos nunha tendencia á estabilización, con persoas que xa cumpren tres ou catro anos no proxecto”, confirma Marta Cabo.  

En canto aos patrocinadores, arredor de 50 a día de hoxe, a maioría de Vigo, pero tamén do resto de Galicia, a maioría volven repetir ano tras ano, pero desde o equipo recoñecen que “nos atopamos en busca activa doutros novos para así poder seguir medrando”. 

Resultados do UM25 en Portugal e Croacia

O UM25 competiu o pasado verán en Castelo Branco, Portugal, e en Croacia. No primeiro  caso, a escudaría da UVigo acadaron dous primeiros postos nas probas estáticas (Cost & Manufacturing Event e Engineering Design Event) e un segundo posto na clasificación xeral, cun total de 423,78 puntos. Mentres, en Croacia, na Fórmula Student Alpe Adria, non houbo podio para o monopraza da UVigo, que logrou os seus mellores resultados en Skidpad, cun 8º posto e un 9º en Cost & Manufacturing e en Engineering Design, clasificacións por riba da metade da táboa, o que lles permitiu sumar 335 puntos.