DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde este xoves e ata o 1 de decembro pode visitarse a exposición ‘Facer camiño’

O camiño da Academia Galega de Belas Artes detense na sede da Vicerreitoría 

Reúne as obras de doce artistas e académicos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 18/11/2020

Comisariada pola galerista e académica Asunta Rodríguez, Facer camiño é unha exposición que reúne as obras coas que doce artistas e membros da Real Academia Galega de Belas Artes (RACBA) reflexionan sobre o proceso creativo como metáfora do camiño. Promovida pola academia co financiamento da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a exposición iniciou en xullo o seu camiño por diferentes cidades e vilas galegas, chegando nesta xornada á sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, onde, ata o 1 de decembro, poderán contemplarse as obras de Ignacio Basallo, Manuel Buciños, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Miguelanxo Prado, Manuel Quintana Martelo e Rafael Úbeda.

Como explica o presidente da RACBA, Manuel Quintana Martelo, esta exposición reúne “por primeira vez” aos académicos e académicas artistas plásticos e visuais que, con dúas obras cada un, toman parte nunha exposición que o pasado mes de xullo iniciou no Museo do Mar de Vigo o seu percorrido por dez cidades e vilas galegas, que a levaron a continución a visitar A Coruña, Lugo, Ferrol, Tui e Cee, chegando agora a Pontevedra. Con Ourense e Mondoñedo como seguintes paradas, este itinerario, marcado, como recoñece o presidente da RACBA, polas “dificultades” xeradas pola covid-19, constitúe a primeira ocasión na que a academia está presente “deste xeito”, a través dunha exposición que reúne “aos creativos plásticos e visuais pertencentes á institución”, nas diferentes cidades galegas. De aí que o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que esta tarde participa xunto co académico Carlos Valle na apertura da mostra, subliñe que “é un orgullo que pensaran en nós e que teñamos esta colaboración, que ogallá non sexa a última”, ao tempo que salienta o “traballo e esforzo” da RACBA, pondo de relevo que “as artes son fundamentais para entender o que é Galicia”. 

O camiño como metáfora

A tamén académica Asunta Rodríguez foi a responsable de artellar “nas visitas feitas aos estudos dos diferentes artistas”, unha exposición que, como sinala Quintana Martelo, toma “como nexo común o camiño, ou mellor, o facer camiño”, como metáfora do propio proceso creativo, pondo o foco nese senso nas ideas da peregrinación e do Camiño de Santiago. A partires desde punto de partida, “cada un deles exprésase segundo a súa persoal visión dese camiño dentro da arte”, sinala Quintana Martelo dunha exposición que reúne pintura, fotografía, escultura, gravado e debuxo. Un total de 23 obras integran esta exposición na que “pódense ver obras moi directamente inspiradas no contido físico do camiño, así como outras onde os artistas formulan as propostas a través do seu imaxinario plástico”. Nese mesmo senso, a comisaria da exposición puña o acento, no texto de presentación da mostra, que “o concepto de camiño non só é un clásico recorrente na historia da humanidade, é tamén, grazas á súa polisemia, unha idea que abre carreiros infinitos polos que os artistas non deixaron de transitar”. 

Conferencia de Carlos Valle

De xeito paralelo á propia exposición, esta iniciativa complétase coa organización en cada unha das sedes dunha serie de conferencias como a que, coincidindo coa súa apertura, imparte esta tarde na sede da Vicerreitoría o historiador da arte e académico da Sección de Arqueoloxía e Museoloxía e anterior director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle. Pontevedra: un fito nos camiños de peregrinación a Santiago é o título dun relatorio, presentado polo xornalista Rafael López, que, debido á situación sanitaria provocada pola covid-19, viu reducido o seu aforo a 15 persoas, e no que Valle traza un percorrido pola historia da cidade desde a época romana ao seu período de esplendor na Baixa Idade Media e no século XVI.