DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática do 23 ao 27 de xuño

O campamento Aldaba-TIC volve para fomentar a vocación tecnolóxica entre a rapazada, sobre todo en nenas

O prazo de inscrición xa está aberto

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 19/05/2025

Do 23 ao 27 de xuño, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acollerá unha nova edición do campamento tecnolóxico de verán destinado á rapazada Aldaba-TIC Camp. O prazo de inscrición está aberto desde este luns 19 de maio. 

A actividade está organizada pola Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, iniciativa das universidades de Vigo e A Coruña e da empresa Aldaba, celebrándose na cidade herculina un campamento similar. O seu obxectivo é “espertar vocacións tecnolóxicas en mozas e mozos en idades temperás, darlles a coñecer o mundo TIC e axudarlles a desenvolver habilidades técnicas dun xeito divertido”.

Ademais, o campamento quere axudar a aumentar a porcentaxe de alumnado feminino en estudos relacionados coas TIC, sendo un dos principais retos da cátedra organizadora contribuír á igualdade de xénero nas titulacións tecnolóxicas. Por este motivo, Aldaba-TIC Camp dá prioridade ás nenas coa reserva dun 80% das súas prazas para elas. Só se o número de solicitantes descende por debaixo da cota ofertada, as prazas serán asignadas aos nenos en lista de agarda.

O campamento está aberto á inscrición de nenas e nenos nacidos entre os anos 2013 e 2019 e terá como eixe temático e título Salvar a Terra. As e os participantes aprenderán, dun xeito ameno, sobre cuestións como o adestramento con drons, intelixencia artificial, 3D, domótica e programación de robots, tomando como fío condutor “unha misión para protexer o medio ambiente e conseguir salvar o planeta Terra”. A iniciativa desenvolverase en horario de 9.00 a 14.00 h, con servizos opcionais de madrugadores (de 8.00 a 9.00) e comedor (de 14.00 a 15.00). A custe de matrícula, sen servizos adicionais, é de 115 euros, estando a organización pendente da confirmación dunha subvención parcial de 55 euros.