DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O achado confirma a ocupación da ladeira que conecta este castro coa praia do Canexol

A campaña arqueolóxica en Ons permite documentar unha grande estrutura romana no exterior do Castelo dos Mouros

Realizada polo grupo GEAAT e promovida polo Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 02/06/2026

Promovida polo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, investigadores e investigadoras do grupo GEAAT da UVigo desenvolveron nas últimas semanas unha nova campaña arqueolóxica en Ons, que permitiu obter novos datos respecto da ocupación do castro do Castelo dos Mouros na época romana. As escavacións realizadas nestas semanas permitiron documentar “unha grande estrutura con tres estancias”, no exterior da muralla do castro, explican desde o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio. Este achado permite confirmar que a ocupación deste enclave na época romana estendíase pola ladeira que conecta o Castelo dos Mouros coa praia do Canexol, onde intervencións previas permitiron identificar restos de fábricas de salgadura e peixe.

Baixo a dirección científica do profesor de Arqueoloxía Adolfo Fernández, a primeira fase desta campaña arqueolóxica, que continuará en outono, tiña como obxectivo obter novos datos respecto da ocupación deste enclave, tanto na época romana como na castrexa. Realizadas coa colaboración dos axentes e vixiantes da illa, así como da empresa Tragsa, as escavacións destas dúas semanas centráronse en dúas áreas que foran obxecto de sondaxes previas por parte da sección da arqueoloxía do GEAAT, que traballa neste xacemento desde 2021. Nomeadamente, abrangueron tanto nunha zona situada no exterior da muralla do castro como na terraza intermedia dun enclave que, como confirmaron en traballos previos, estivo densamente poboado tanto na época castrexa como na romana, estendéndose a súa ocupación ao longo de nove séculos.

A ocupación romana estendíase máis aló do castro

As sondaxes realizadas en 2025 permitiran localizar fóra da muralla do castro “unha pequena parte dun edificio de época romana”, explica a investigadora Alba Rodríguez, directora dunha intervención na que participan tamén as integrantes do grupo GEAAT Patricia Valle, Nerea Ruanova e Raúl Méndez. De aí que un puntos centrais desta campaña fose unha zona situada ao leste do castro, na que localizaron unha “grande estrutura con tres estancias”, que data da época romana. “A importancia desta sondaxe está en que se confirma a ocupación desta ladeira, máis aló dos limites da muralla”, salienta Rodríguez.

Ademais, coa colaboración de Tragsa leváronse a cabo traballos de roza e limpeza da vexetación “dunha nova terraza detectada anteriormente no modelo dixital do terreo e que podería, igualmente, estar ocupada”, explica a investigadora. Neste punto Rodríguez, sinala que será preciso “seguir escavando” para obter novos datos deste espazo situado máis aló da terraza inferior do castro. “Cremos que todas estas estruturas poderían ter relación coas factorías de salga” de época romana da praia do Canexol, “ben como vivendas ou mesmo como almacéns”, engade.

Ánforas do sur da península e de Italia

O outro punto que centrou as actuacións do equipo investigador foi a terraza intermedia do castro, na que localizaran previamente estruturas de época castrexa. Neste caso, “os traballos consistiron en continuar exhumando a cabana redonda que xa se detectara na campaña anterior, quedando case visible por completo”, apunta a directora da intervención. Neste punto, “documentouse parcialmente un vestíbulo de entrada”, que agardan poder escavar na seguinte fase da campaña, así como “estruturas internas que poderían corresponder con lareiras ou apoios e soportes para anaqueis ou postes”. Neste espazo atopouse tamén “abondoso material”, dentro do que destaca a cantidade de restos de ánforas localizadas, “tanto do sur da Península Ibérica como de Italia”, o que permite datar a ocupación desta casa “en torno ao Cambio de Era, aproximadamente entre o ano 50 antes de Cristo e o 50 despois de Cristo”. 

A campaña completarase en outono

“En xeral, pensamos que foi unha campaña moi frutífera, que permite esbozar como se configura internamente o poboamento no xacemento”, salienta Rodríguez dos traballos realizados nas últimas semanas, aos que o equipo investigador dará continuidade no outono. Nesta segunda fase, continuarán coas tarefas de escavación e a estas sumaranse os labores de conservación e restauración, dirixidos a “protexer as estruturas e permitir a visita con seguridade a estes dous novos puntos do xacemento”.