As doazóns destinaranse a Banco de Alimentos, Cruz Vermella e Amencer
A campaña de Nadal de recollida de alimentos, xoguetes e libros xa está en marcha
Os carriños solidarios están situados nas entradas dos principais edificios do campus
Este mércores lanzouse no campus de Ourense a tradicional campaña solidaria de recollida de alimentos, xoguetes e libros polo Nadal. As persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, xa teñen á súa disposición na entrada dos principais edificios universitarios os carriños nos que depositar as súas doazóns.
Como cada ano, a iniciativa é froito da colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense co Banco de Alimentos, Cruz Vermella e a Asociación Xuvenil Amencer. Os carriños están situados na entrada dos edificios Xurídico-Empresarial, biblioteca, pavillón de deportes, edificio Politécnico e Edificio de Ferro ata o 12 de decembro. Seguindo as indicacións de anos anteriores, as entidades que xestionarán as doazóns sinalan que precisan alimentos non perecedoiros, como conservas, aceite, leite, galletas, alimentación infantil e, dadas as datas, produtos típicos do Nadal. No caso dos xoguetes e libros indícase que poden ser novos ou xa usados pero teñen que estar en bo estado e ser non bélicos e non sexistas, facendo fincapé na necesidade de que tamén se entreguen xoguetes e libros destinados a mozas e mozos. Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos e os libros e xoguetes a Cruz Vermella e á Asociación Xuvenil Amencer.
No lanzamento da campaña este mércores participaron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Isabel Gómez, da Oficina de Voluntariado do campus; Cecilio Santalices, presidente do Banco de Alimentos de Ourense; Francelina Alonso da Silva, coordinadora provincial de Xuventude da Cruz Vermella Ourense, e Noemí Iglesias, técnica da Asociación Xuvenil Amencer. As e os representantes das entidades animaron a alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos e cidadanía en xeral a pór o seu grao de area nesta iniciativa e contribuír a que os que menos teñen poidan ter un mellor Nadal. Igualmente destacaron a importancia de accións coma esta para contribuír á concienciación e o fomento da solidariedade entre a comunidade universitaria. "Como cada ano a comunidade universitaria temos a oportunidade de liderar co exemplo, de demostrar que a educación tamén significa responsabilidade social", sinalou o vicerreitor do campus.
