DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Clasificatorio para a fase final dos Campionatos de España, celébrase por primeira vez en Galicia

O Campionato Inter Autonómico reúne no campus máis de 400 deportistas de oito universidades

As competicións desenvolvéronse de xeito simultáneo en seis instalacións

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 12/03/2019

Máis de 400 deportistas, procedentes de oito universidades de Galicia, País Vasco, Extremadura, Asturias e Cantabria, reuníronse este martes no campus para participar no Campionato Universitario Inter Autonómico (CUIA), a competición que decide que representantes destas autonomías participarán na fase final dos Campionatos de España Universitarios de deportes colectivos e que, con Pontevedra como sede, desenvolvíase por primeira vez en Galicia. Seis instalacións deportivas da cidade exerceron como sedes das competicións nas que 28 equipos femininos e masculinos de baloncesto, balonmán, fútbol, fútbol sala, voleibol e rugby 7 competían polo pase á fase final dos campionatos universitarios, que terán lugar nos meses de abril e maio na Comunidade Valenciana.

Vigo clasifica seis equipos

Ao torneo acudían os doce equipos gañadores dos Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos, celebrados en Lugo a finais de febreiro, e nos que as e os representantes da Universidade de Vigo sumaron sete medallas de ouro, por catro da Universidade da Coruña e un da Universidade de Santiago de Compostela. Destes sete equipos, seis dos e as representantes da Universidade de Vigo obtiveron no CUIA o seu pase ás finais, concretamente os equipos fútbol 11 feminino e masculino, fútbol sala feminino, baloncesto feminino e balonmán feminino e masculino, este último, sen necesidade de competir finalmente, ao non acudir ao torneo o equipo da Universidade do País Vasco, o que lles daba o pase directo á fase final. 

Xunto aos preto de 180 deportistas galegos que competían nesta xornada no campus pontevedrés, sede do grupo A do CUIA, o torneo contou tamén coa participación dos preto de 70 integrantes dos cinco equipos da Universidad de Extremadura e os equipos gañadores da fase previa a este torneo que, o pasado xoves, mediu aos campións de Euskadi, Cantabria e Asturias. Concretamente, a Universidad do País Vasco (UPV/EHU) acudiu a esta cita con sete equipos e preto dun cento de deportistas, a Universidad de Deusto con dous e Oviedo e Cantabria con un.

“Para nós é un impulso importante, que nos pon dalgunha maneira no mapa deportivo”, recoñecía Gustavo Loureiro, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, organizadora dun torneo que esixiu a participación de 23 árbitros, auxiliares e delegados federativos e que contou tamén coa colaboración de voluntarios e voluntarias achegados pola Delegación de Estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a Federación Galega de Balonmán. Un torneo que, engade Loureiro, viuse marcado por “un nivel excelente e unha competitividade tremenda, como xa houbo no Campionato Galego” e que se desenvolveu en formato de triangulares no caso das cinco modalidades nas que estaba representada Extremadura e cun enfrontamento directo entre o campión galego e o equipo gañador da fase previa celebrada entre Asturias, Cantabria e Euskadi no resto.

Seis sedes de competición

Desde ás dez da mañá, as competicións foron desenvolvéndose de xeito simultáneo en seis sedes diferentes. Así, o Pavillón Universitario acolleu os triangulares de baloncesto feminino, no que Vigo superou tanto a Estremadura (45-18) como a UPV (35-25); e masculino, no que Deusto derrotou a Estremadura e UDC. O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) foi a sede dos partidos de voleibol feminino, no que UPV derrotou á Universidade de Vigo (3-0) e masculino, no que a UDC puido coa UPV (3-0). No Pavillón Municipal dos Deportes, por outra banda, tivo lugar a competición de balonmán feminino, na que Vigo obtivo un novo pase ás finais derrotando a Estremadura (23-7) e UPV (18-11).

A estas tres sedes sumouse o campo de herba sintética da Xunqueira, onde o equipo feminino de Vigo derrotou a Deusto por 4-2 e o masculino logrou a vitoria por xogo limpio tras empatar a tres con Cantabria. No campo de rugby de Monteporreiro, as vitorias foron para o equipo feminino da UPV que superou á UDC (30-7) e para o conxunto masculino da institución coruñesa, que gañou a Oviedo 23-7.

Por último, a competición de fútbol sala tivo lugar no Pavillón Municipal de Marcón, onde a Universidade de Vigo logrou unha nova vitoria en fútbol feminion, tras gañar 4-1 a UPV e 4-2 a Estremadura. Na competición masculina, o pase foi para a USC, que empatou a ceros coa UPV e gañou 3-2 a Estremadura.