DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre os días 8 e 14 de abril nunha nova edición da Semana de portas abertas 

O campus abre as súas portas a un milleiro de estudantes de ESO, bacharelato e FP

Unha vintena de centros de Pontevedra, Coruña e Portugal participarán nos itinerarios

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 08/04/2026

Un milleiro de estudantes procedentes de 19 centros de secundaria, bacharelato e ciclos superiores de FP de Galicia e Portugal visitan desde este mércores 8 de abril e a ata o día 10 o campus de Vigo, onde coñecerán, tanto a súa oferta académica, como a súas infraestruturas e os servizos que ofrece.

Ao abeiro dunha nova edición da Semana de portas abertas no Campus de Vigo, organizada pola Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, a través da Área de Captación de Alumnado, o estudantado de case unha vintena de centros das provincias de Pontevedra (16) e A Coruña (2) e un da localidade portuguesa de Póvoa de Varzim participarán nos itinerarios deseñados en función da elección realizada polos seus centros de orixe. Así, as facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química, agrupadas no ámbito científico, recibirán estes días un total de 340 estudantes; mentres que 335 achegaranse ás escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Minas e Enerxía e Enxeñaría Industrial (ámbito tecnolóxico); 303 visitarán as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e de Ciencias Xurídicas e do Traballo (ámbito ciencias xurídicas e sociais), e 119 coñecerán a Facultade de Filoloxía e Tradución (ámbito humanidades).

“Agardamos que despois de visitarnos e de coñecer máis de preto o campus de Vigo, lles sexa un pouco máis doado tomar unha decisión tan importante como é a de elixir unha universidade e unha titulación para desenvolver capacidades e habilidades e, sobre todo, che permita medrar como persoa”, sinala Ana Camaño, técnica de Captación de Alumnado da UVigo.

Semana de portas abertas virtual

Unha vez finalizada a Semana de portas abertas no campus de Vigo celebrarase entre o 20 e o 23 de abril de 2026 a III Semana de portas abertas virtual na que o profesorado das diferentes Titulacións que se imparten na UVigo fará exposicións sobre os graos e atenderá as cuestións do estudantado para definir o seu futuro académico.

Os encontros desenvolveranse a través do Campus Remoto da UVigo, dedicándose o día 20 ao ámbito humanístico; o 21 ao xurídico-social; o 22 ao de ciencias e ciencias da saúde e o 23 ao tecnolóxico.