Trátase de Andrés Rodríguez, Pedro Miguel Ferreira, Jorge Eiras e Paula Pérez
O Campus Auga apoia catro proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente
A través dunha convocatoria de axudas dotada con 80.000 euros
O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, lanzou este ano unha convocatoria de axudas destinada a financiar proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. A convocatoria xa está resolta e financiará catro estudos sobre solos agrícolas, microalgas, eventos extremos e secuestro de carbono realizados polos investigadores da Universidade de Vigo Andrés Rodríguez, Pedro Miguel Ferreira e Jorge Eiras e pola investigadora Paula Pérez.
Cun orzamento de 80.000 euros, a iniciativa busca potenciar a captación e retención de talento, concretamente do persoal investigador adscrito ao programa Ramón y Cajal no campus de Ourense, e potenciar as liñas de investigación do Campus Auga. As axudas están financiadas ao abeiro do convenio de colaboración existente entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga de Ourense (2024-2027). A subvención para cada proxecto ascende a 20.000 euros e destinarase a financiar a investigación durante a anualidade 2026, na que deberá executarse o plan de traballo presentado.
Biomasa e solo
O investigador Pedro Miguel Ferreira Santos, do grupo Biorrefinería e Valorización da Biomasa (Bio2Val), levará a cabo un proxecto de desenvolvemento de procesos sostibles de biorrefinaría de microalgas para a obtención de compostos biofuncionais con aplicación alimentaria e terapéutica. Mediante o uso de tecnoloxías verdes e avanzadas (como os ultrasóns, o microondas e disolventes ecolóxicos) e con axuda de ferramentas de intelixencia artificial, o equipo investigador busca aproveitar ao máximo esta biomasa para obter compostos de alto valor, entre eles proteínas, vitaminas, antioxidantes e outros ingredientes biofuncionais. O traballo aposta por un modelo de biorrefinaría circular, no que tamén se valorizan as fraccións residuais, reducindo o impacto ambiental e xerando novas oportunidades para a economía.
Dúas son as propostas que realizarán investigadores do grupo BV1 Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos. Paula Pérez Rodríguez centrará o seu proxecto no fraccionamento e estabilidade da materia orgánica do solo trala implementación de prácticas agrícolas sostibles e as implicacións no secuestro de carbono. Nel abordará como “a transición cara á agricultura rexenerativa en viñedos favorece o almacenamento estable de carbono no solo mediante a formación de materia orgánica máis resistente á degradación”. Os resultados, indica a súa responsable, contribuirán a impulsar prácticas agrarias sostibles aliñadas cos obxectivos climáticos da UE e coa mellora da saúde do solo.
Tamén do grupo BV1 e tamén no eido do solo, Andrés Rodríguez Seijo afondará no seu proxecto no desenvolvemento e validación dunha metodoloxía analítica baseada en Orbitrap para a determinación de PFAS en solos agrícolas de Galicia. Os compostos per- e polifluoroalquilados (PFAS), sinala o investigador, constitúen un amplo grupo de máis de 10.000 substancias sintéticas caracterizadas pola súa extraordinaria persistencia ambiental e cuxas propiedades favoreceron o seu uso extensivo en múltiples aplicacións industriais e produtos de consumo. Na actualidade, a lexislación europea sobre augas destinadas ao consumo humano establece o control dun grupo de 20 PFAS e a nova normativa europea de monitorización do solo prevé a súa incorporación aos programas harmonizados de seguimento da contaminación do solo nos estados membros. Neste contexto, o proxecto ten como obxectivo desenvolver e validar unha metodoloxía baseada LC-Orbitrap-HRMS, que permite a cuantificación de análise dirixida e non dirixida, unha vantaxe fronte ás metodoloxías convencionais. A metodoloxía aplicarase á determinación de PFAS en solos agrícolas de Galicia con diferentes usos e sistemas de manexo e proporcionará información de referencia para futuras actuacións de vixilancia ambiental, avaliación de riscos e desenvolvemento de políticas e marcos normativos relacionados coa protección da saúde do solo.
Impacto do estrés térmico
Por último, Jorge Eiras Barca, do grupo de investigación Environmental Physics Laboratory (EPhysLab), realizará o proxecto Avanzando na compresión dos mecanismos físicos implicados desenvolvemento e persistencia dos eventos extremos de estrés térmico de alto impacto para o sector agrícola. Nel quere afondar nos mecanismos físicos que dan lugar aos episodios extremos de estrés térmico que ameazan a agricultura. Combinará dúas liñas de traballo: a creación dun catálogo de episodios históricos (baseado en datos de reanálise ERA5 e índices biometeorolóxicos, cruzado con información sobre o uso agrícola do solo) e a cuantificación da orixe da calor en cada episodio mediante unha análise pseudo-lagranxiana, que descompón a anomalía de temperatura nas súas contribucións de advección, subsidencia e procesos diabáticos. O resultado será unha clasificación dos eventos segundo o seu mecanismo dominante, con aplicacións na predición, na alerta temperá e na adaptación da agricultura fronte ao cambio climático.
