DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa visita do panel avaliador designado pola Xunta de Galicia

O Campus Auga comeza o seu proceso de reacreditación como campus de especialización do SUG

A reitora da UVigo e o secretario xeral de Universidades asistiron ao arranque da avaliación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Reitora
  • Institucional
DUVI Ourense 10/09/2026

O campus de Ourense recibe este xoves e venres a visita do panel avaliador do Campus Auga dentro do programa de acreditación dos campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Co obxectivo de conseguir a reacreditación do Campus Auga para o período 2027-2030, ao longo destes dous días presentarase ao comité avaliador designado pola Xunta de Galicia os resultados que acadou este proxecto durante a súa acreditación no período 2024-2026 e as súas liñas futuras.

O arranque da avaliación contou este xoves coa intervención de Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo, e José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia. “O Campus Auga é un proxecto estratéxico, que reforza a investigación, a docencia e a transferencia do campus de Ourense, unindo e aliñando esforzos. Conseguir esta reacreditación é importantísimo porque se consigue estabilidade para o Campus Auga, un campus de especialización cuxos beneficios redundan sobre todo o campus de Ourense”, subliñou a reitora. Pola súa banda, o secretario xeral de Universidades destacou que “esta iniciativa supón unha grande oportunidade para a provincia de Ourense, para a Universidade de Vigo e para toda Galicia. Desde o Goberno galego estamos a prestar o apoio necesario para consolidar este proxecto como un referente científico no sector termal”. 

Balance de etapa

O investimento da Xunta de Galicia no Campus Auga, no marco do Programa de Campus de Especialización do Sistema Universitario de Galicia, ascende a 11,8 millóns de euros desde o ano 2013. No período 2013-2023 a achega foi de 8,5 millóns para as bases do proxecto de especialización. O Diario Oficial de Galicia publicou en febreiro de 2024 a resolución da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia pola que se acreditaba o Campus Auga como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia. Tras esta acreditación, asinouse un convenio de colaboración entre a Consellería e a Universidade para o desenvolvemento de accións estratéxicas do Campus Auga durante o período 2024-2027, dotado pola Xunta de Galicia con 3.256.850 euros. Este  financiamento posibilitou ao longo dos últimos anos o desenvolvemento de accións de gobernanza, docencia, investigación, transferencia e información pública do Campus Auga, campus que se articula en tres liñas de especialización (alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal) con tres áreas de soporte (intelixencia artificial, lexislación agroalimentaria e ambiental e economía circular).
 
No ámbito da docencia, explican desde o Campus Auga, aprobáronse ao longo deste período iniciativas que posibilitaron unha ampliación e diversificación da oferta formativa e mellorar o número de titulacións con alta demanda, a formación docente e as taxas de empregabilidade, ademais de potenciar a captación e a difusión da formación. No campo da investigación conseguiuse, tal e como indican, unha aliñación con prioridades europeas, nacionais e coa RIS3 Galicia, o fortalecemento da carreira investigadora e da captación de talento, mellorar o liderado en proxectos europeos, unha elevada calidade da produción científica, un bo posicionamento en ránkings internacionais e un elevado volume de proxectos competitivos. No campo da transferencia sinalan que se acadou unha contorna territorial favorable para a especialización do campus, fomentouse unha traxectoria de colaboración con axentes da contorna agroalimentaria, o impulso do emprendemento a través do Venture Lab, unha colaboración intensa co tecido socioeconómico e con clústeres estratéxicos, unha participación en plataformas tecnolóxicas e redes de cooperación e o desenvolvemento de iniciativas de alto impacto, como a Unidade Mixta UVigo-Coren-Sertogal.

Liñas de futuro

En canto a liñas futuras para o período 2027-2030, o Campus Auga propón en docencia para o período 2027-2030 reforzar a oferta académica máis especializada coas liñas do Campus Auga; conseguir un modelo formativo máis flexible e innovador (con formación continua e microcredenciais); reforzar a empregabilidade do alumnado (coa mellora no sistema de prácticas e maior interacción coas empresas) e impulsar a proxección, captación e internacionalización da oferta docente. En investigación, quere reforzar a súa capacidade, consolidando instrumentos de apoio á carreira investigadora e a captación e retención de talento e impulsando a mobilidade e a apertura internacional. Tamén aspira a avanzar na consolidación dun ecosistema de investigación especializado, mellorando a articulación das liñas de investigación e cun mellor e maior uso das infraestruturas do Campus Auga; e impulsar o posicionamento científico e a competitividade investigadora en redes, proxectos e alianzas estratéxicas. 

Por último, o Campus Auga aposta para os vindeiros anos por incrementar a valorización e transferencia do coñecemento e a conexión entre capacidades científicas, servizos e necesidades da contorna, favorecendo un maior aproveitamento dos recursos e infraestruturas con potencial de aplicación externa. Igualmente, quere avanzar na consolidación dun modelo estable de emprendemento e valorización orientado a xerar iniciativas con maior recorrido e impacto e impulsar unha relación máis estruturada co tecido produtivo e institucional, mediante alianzas, mecanismos estables de colaboración e fórmulas avanzadas de cooperación aplicada.