DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun programa de pulo á valorización e transferencia do coñecemento

O Campus Auga convoca axudas para apoiar proxectos de I+D con potencial de explotación e impacto no mercado

A iniciativa está dotada con 20.000 euros pola Xunta de Galicia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Transferencia
DUVI Ourense 23/03/2026

O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, convoca unha nova edición do seu Programa de pulo á valorización e transferencia do coñecemento. Ao seu abeiro concederanse 20.000 euros en axudas a proxectos con potencial de explotación e impacto no mercado. Este luns realizouse no campus unha sesión informativa na que persoal investigador interesado puido coñecer de primeira man as características desta liña de actuación. 

O programa finánciase ao abeiro do convenio de colaboración existente entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga de Ourense (2024-2027). Con ela, a institución académica quere favorecer a transferencia de coñecemento á sociedade, asumindo un papel relevante no desenvolvemento económico da contorna e no fomento da cultura emprendedora. Pode beneficiarse destas axudas o persoal investigador da Universidade de Vigo que forme parte dun grupo de investigación do Campus Auga e que cumpra os requisitos establecidos na convocatoria. A presentación de solicitudes pode realizarse a título individual ou en equipo.  

Identificar, valorizar e madurar resultados

Este programa do Campus Auga ten como obxectivos identificar, valorizar e madurar resultados de investigación nas súas diferentes fases de desenvolvemento, con potencial de explotación e impacto no mercado. A idea é contribuír a transformar o coñecemento xerado en produtos e servizos con valor no mercado. As propostas que se presenten deben estar en consonancia coas liñas de especialización do Campus Auga (alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal) e deben tratarse de resultados ou metodoloxías novidosas e con potencial aplicación económica ou social. 

Os proxectos que se presenten deben axudar a promover as primeiras etapas do desenvolvemento precompetitivo e facilitar a súa aplicación práctica. Entre as actividades contempladas na convocatoria están o desenvolvemento necesario para a conversión dos resultados da investigación nun proceso de creación de valor; a análise da viabilidade técnica, comercial ou social dos resultados obxecto da proba de concepto ou axudas para a obtención de prototipos, demostracións a escala piloto, probas con usuarios finais ou outras actividades que permitan a validación do resultado, proceso ou produto e a súa transición a escala real. Tamén están entre as accións a financiar cuestións como a protección do coñecemento e xestión estratéxica dos dereitos de propiedade industrial e intelectual; actuacións dirixidas á transferencia e explotación dos resultados, elaboración do plan de empresa e previsión de financiamento para as seguintes etapas; actuacións iniciais para a creación dunha empresa; o establecemento de contactos con potenciais usuarios finais; actividades de formación, titoría ou asesoramento e outras actividades necesarias para a efectiva transferencia, aplicación ou explotación dos resultados da investigación.

5000 euros por proxecto

O prazo de presentación das solicitudes está aberto ata o día 10 de abril ás 23.59 horas (hora peninsular española), ampliándose o inicialmente previsto do 27 de marzo. Unha comisión realizará a avaliación das propostas, tendo en conta a súa calidade; grao de novidade, avance e impacto dos resultados; adecuación do orzamento solicitado e medida positiva relativa á presenza de mulleres investigadoras. A dotación máxima das axudas é de 20.000 euros e a subvención máxima para cada proxecto é de 5000 euros.