DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abre unha convocatoria de axudas para proxectos que teñan este obxectivo

O Campus Auga pon en marcha un programa para valorizar e transferir á sociedade o coñecemento xerado polo seu persoal investigador

Tamén explora vías de colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Institucional
DUVI Ourense 25/04/2025

O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, acaba de pór en marcha un programa que aposta por transformar o coñecemento xerado polo seu persoal investigador en produtos e servizos con valor no mercado. A súa primeira acción é unha convocatoria de axudas a proxectos que teñan este obxectivo.

Segundo explican desde a súa organización, o Programa de pulo á valorización e transferencia do coñecemento do Campus Auga quere contribuír ao desenvolvemento económico da contorna e ao fomento da cultura emprendedora. Para acadalo, centrarase en identificar, valorizar e madurar resultados de investigación, nas súas diferentes fases de desenvolvemento, con potencial de explotación e impacto no mercado. A acción está financiada polo convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para executar accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027).

Convocatoria de axudas

Este xoves, o edificio do Campus Auga acolleu unha xornada na que se presentou a convocatoria de axudas deste programa. Nela participaron Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga, e o persoal técnico da Oficina de I+D da Universidade de Vigo Jose Jato e Cristina López. Tal e como se explicou nesta actividade, as novas axudas están destinadas ao persoal investigador que forme parte dun grupo de investigación do Campus Auga, podendo presentarse candidaturas a título individual ou en equipo. O prazo de presentación das solicitudes está aberto ata o 6 de maio ás 23.59 horas (hora peninsular española).

Os proxectos que se presenten “deben axudar a promover as primeiras etapas do desenvolvemento precompetitivo e facilitar a súa aplicación práctica, como a protección do coñecemento xerado, a análise da viabilidade técnica, comercial ou social, a obtención de prototipos tecnolóxicos, o desenvolvemento de escala piloto, probas con usuarios finais, a definición do modelo de negocio ou as primeiras fases de creación dunha empresa”. Ademais, deben tratarse de resultados ou metodoloxías novidosas e con potencial aplicación e contribuír a potenciar as liñas de especialización do Campus Auga (alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal). O orzamento da iniciativa son 20.000 euros, sendo a subvención máxima por proxecto de 5000 euros.

Visita de Agamin

Tamén esta semana, o Campus Auga acolleu a asemblea anual da Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin), que está presente no seu comité consultivo socio-empresarial a través do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia. A xuntanza tamén foi aproveitada para iniciar contactos de colaboración entre o Campus Auga e esta asociación enfocados á transferencia de coñecemento á industria. O  director do Campus Auga, Roberto Ignacio Fernández, valorou moi positivamente a visita, subliñando como a colaboración co sector privado é moi importante para promover a transferencia de tecnoloxía e coñecemento científico e acadar aplicacións prácticas que sexan útiles para a industria. Pola súa parte, o presidente de Agamin, Álvaro García, amosou “a predisposición do sector para buscar conxuntamente sinerxías que redunden en beneficio das dúas entidades”. As plantas envasadoras que integran a asociación, lembrouse no acto, suman uns 260 postos de traballo directos e uns 1000 indirectos, “converténdose en dinamizadoras do rural”.