DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto que este xoves tivo lugar na Facultade de Comunicación 

O campus dá a benvida a 38 estudantes de dez nacionalidades 

Con Francia e México como principais países de orixe

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Pontevedra 02/02/2023

Procedentes de dez países de Europa, América e Asia, 38 alumnos e alumnas de intercambio ampliarán a súa formación no campus pontevedrés no segundo cuadrimestre, ao abeiro tanto do programa comunitario Erasmus+, como dos convenios bilaterais que a Universidade de Vigo ten asinado con institucións académicas de diferentes países e do programa ISEP, de intercambio con Estados Unidos. Co propósito de achegarlles información e asesoramento no inicio da súa estadía en Pontevedra, a Vicerreitoría de Internacionalización e a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) promoveu este xoves un acto de benvida na Facultade de Comunicación, dirixido a afondar tanto en cuestións administrativas como nas instalacións, actividades e servizos que lles ofrece á Universidade. 

Dando continuidade aos actos que martes e mércores tiveron lugar nos campus de Vigo e Ourense, esta sesión de benvida contou coa participación da directora da ORI, Amelia Rodríguez, e do vicedecano José Pita, así como de membros da Erasmus Student Network (ESN-Vigo), que presentaron a súa iniciativa de acompañamento para o alumnado internacional, o Buddy Program. O acto completouse así mesmo coa realización dun test de nivel para acceder ao curso de español que organiza o Centro de Linguas. 

A Facultade de Comunicación, principal destino

O centro que acolleu este acto, a Facultade de Comunicación, é o que conta neste cuadrimestre con maior alumnado internacional no campus, sendo o destino de 16 destes 38 estudantes. Outros nove teñen asistirán ás aulas de Belas Artes, mentres que Ciencias da Educación e do Deporte recibe seis estudantes internacionais e Dirección e Xestión Pública, cinco. Por último, tanto a Escola de Enxeñaría Forestal como Fisioterapia acollen un estudante internacional neste cuadrimestre.

Con oito estudantes, Francia sitúase como principal país de orixe do alumnado internacional, mentres que México achega seis alumnos e alumnas e Perú e Arxentina, cinco. Así mesmo, o campus recibe tamén nestes meses alumnado procedente de Italia, Turquía, Colombia, Estados Unidos, Chile e Corea del Sur. 

Estes 38 alumnos e alumnas chegaron ao campus para cursar nel o segundo cuadrimestre ou todo o curso e súmanse aos 48 estudantes estranxeiros que Pontevedra recibiu no primeiro cuadrimestre, situando en 86 a cifra total de estudantes internacionais do campus neste curso, cifra que ascende a 555 no conxunto da UVigo.